Isabel Castelo

“Ademais dunha grande infraestrutura de comunicación, é ante todo unha oportunidade que debemos saber aproveitar, xa que multiplica a nosa capacidade de captación turística dos destinos que atravesa”, afirma a concelleira de Turismo e de Termalismo, Isabel Castelo.

 

A cidade de Ourense vén de integrarase na Rede de Cidades Ave, unha asociación de destinos turísticos de España conectados pola alta velocidade que nace co obxectivo de promocionar as cidades que a integran baixo unha estratexia común. Este ingreso, formalizado na Asemblea que se celebrou este martes na Casa de América de Madrid, á que asiste a concelleira de Turismo e Termalismo, Isabel Castelo, está estreitamente ligada coa necesidade de preparar a cidade para a súa conexión definitiva coa rede de alta velocidade prevista para 2018.

“Somos a primeira cidade galega en dar o paso: non en van, Ourense é a entrada natural ao noroeste atlántico desde a meseta, un lugar de larga tradición ferroviaria e nó de comunicacións que sempre tivo vocación de proxección cara ao exterior”, afirma Castelo Villanueva. Neste contexto, a titular de Turismo acode a Madrid respaldada pola maioría dos membros da corporación local, que acordou sumar esforzos para o deseño dun Plan Estratéxico Municipal para a chegada do AVE que asegure a boa integración desta infraestrutura no proxecto de cidade.

“Ademais dunha grande infraestrutura de comunicación, é ante todo unha oportunidade que debemos saber aproveitar, xa que multiplica a nosa capacidade de captación turística dos destinos que atravesa”, comenta Isabel Castelo. “Á chegada do AVE haberá que responder garantindo unha oferta turística á altura das circunstancias, e Ourense conta con elementos para a diferenciación e, sobre todo, a desestacionalización fronte a outros destinos: a nosa riqueza de augas termais, pero tamén o patrimonio histórico artístico, a gastronomía, os espazos naturais, a oferta cultural e comercial”, destacou.

A titular da Concellería de Turismo e Termalismo afondaba na excelente oportunidade de adherirse á rede en termos turísticos, considerando que o sector atravesa un período de cambios cada vez máis rápidos e que esixen, ante todo, moita competitividade. “A cooperación e coordinación entre destinos deixou de ser unha opción para converterse nunha obriga”, dixo.

A Rede de Cidades AVE está constituída polas cidades de Álcazar de San Juan, Albacete, Alicante, Antequera, Barcelona, Calatayud, Cidade Real, Córdoba, Cuenca, Elxe, Granada, León, Lleida, Madrid, Málaga, Ourense, Palencia, Puertollano, Segovia, Sevilla, Talavera de la Reina, Tarragona, Toledo, Valencia, Valladolid, Villanueva de Córdoba, Villena e Zaragoza.

Foro Exceltur

A delegación ourensá en Madrid tamén estivo presente no 8º Foro de Liderado Turístico Exceltur. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, participou nos diferentes relatorios impartidos por empresas líderes do sector turístico e un amplo abano de representantes institucionais.