O Bispado vendeu o mosteiro, ubicado en Palmés e en estado de ruína, a un particular.

Tras coñecerse que o Bispado de Ourense vendeu o Mosteiro de Santa Comba de Naves, situado en Palmés, a un particular, os grupos municipais do PSOE, de Democracia Ourensana e de Ourense en Común preguntan ao Concello de Ourense polo seu papel ao respecto.

O mosteiro, que data do século IX, goza dunha protección oficial, aínda que a día de hoxe se atopa en estado ruinoso. Xa en 2014 a Xunta de Galicia instara ao Bispado a adoptar as medidas oportunas para salvagardar este ben do Patrimonio Cultural de Galicia. Daquela, a por parte do Bispado foi manifestar que non era da súa propiedade. Ao coñecer esta resposta, Patrimonio da Xunta dirixiuse ao Concello a adoptar as medidas cautelares necesarias para a salvagarda deste ben patrimonial.

Pois ben, o grupo socialista vén de solicitar por rexistro á Concellería de Urbanismo a relación de actuacións levadas a cabo en relación coas obras encargadas pola Xunta de Galicia e que deberían ter sido levadas a cabo polo Concello.

O GMS tamén solicitou por escrito, ante o coñecemento de que se están a executar xa obras no recinto por parte do novo propietario, información ao Concello de se esas obras contan ou non coa preceptiva licencia municipal.

Tamén Democracia Ourensana esixe “unha inmediata explicación do papel desempeñado polo Concello en todo o proceso” e que o grupo de goberno informe de se estuda emprender actuacións xurídicas. Ao mesmo tempo lamenta que a falta de comunicación ou entendemento entre  os responsables municipais e o Bispado conducisen a privar aos ourensáns de facerse coa propiedade “desta prezada xoia do noso patrimonio histórico artístico.”

“O escurantismo e a falta de transparencia con que se levou a cabo o desenlace deste asunto impediu o máis mínimo debate nin entre os politicos nin entre os expertos e polo seu posto, e sobre todo, entre os cidadáns, o oportuno de adquirir esta propiedade”, explican os de Jácome nun comunicado.

DO chama a atención de que estes feitos resultan “especialmente rechamantes” cando os requirimentos partiron da Consellería de Cultura cuxo titular até principios de 2015 era o actual alcalde de Ourense.. E” especialmente rechamante tamén o feito de que todo este asunto, produciuse ante a inacción do concelleiro de Infraestruturas, Sr Araujo Fernández, veciño do lugar”.

Ourense en Común lembra que de terse aprobado a Mesa Municipal de Patrimonio que propuxeran no mes de novembro, o Concello de Ourense podería ter evitado a venta do mosteiro de Santa Comba de Naves a un particular.  “De terse aprobado a constitución daquela Mesa de Patrimonio teríamos un equipo de xente traballando que puidera ter evitado a venta do monumento a un particular e incluso avaliar as posibilidades de adquirir o ben cultural para a súa posta en valor”, opinan.

A «marea» ourensá esixirá ao PP «informe de actuacións autorizadas dende a institución municipal e copia do expediente completo de venda do ben catalogado».