A pita, figura do entroido das Eiroás

A asociación Amigos da Pita achegará a festa aos centros educativos e monitores aprenderanlles aos nenos a elaborar compadres e comadres.

A Concellería de Educación iimplicará os escolares na celebración do Entroido 2016 con diferentes actividades que se desenvolverán nos centros educativos e bibliotecas municipais. Serán obradoiros  nos que nenos e nenas aprenderán a elaborar as súas propias comadres e compadres, obradoiros, lecturas, conta contos e festas do Entroido nas bibliotecas municipais e, como novidade, obradoiros sobre a Festa da Pita, coa finalidade de achegarlles aos escolares esta celebración, única na nosa cidade.          

Nos centros de ensino continuarán un ano máis os obradoiros para escolares de Primaria de confección de compadres e comadres. Monitores especializados desprazaranse aos colexios levando todo o material necesario para a súa realización e o resultado deste traballo poderáse ver na Praza Maior os días 24 de xaneiro e 4 de febreiro ás 11.30h nos tradicionais Xoves de Compadres e Comadres respectivamente onde haberá loitas e regueifas.

Participan nestes obradoiros un total de 365 nenos e nenas de 9 centros de ensino da cidade. Os obradoiros comezaron o luns, 18 de xaneiro no CEIP Inmaculada e se desenvolven tamén nos colexios Irmáns Villar, San José, Maristas, José G García (Mende), Manuel Sueiro, Amadeo Barroso, Seixalbo e CEE Miño.

Como novidade este ano moitos establecementos comerciais da rúa da Paz estarán decorados con compadres e comadres realizados por alumnado dos centros participantes.

Por outra banda, o Concello impulsa unha nova actividade para dar a coñecer algunhas das nosas tradicións relacionadas co Entroido como é o caso da Festa da Pita. Membros da Asociación cultural “Amigos da Pita” visitarán os CEIP As Mercedes, Manuel Sueiro e Curros Enríquez, onde darán unha charla sobre a orixe desta festa, repartirán 30 olas por centro, realizarán traballo artístico de pintado das olas co profesorado de plástica, con posterior exposición e  recollida das olas. Esta actividade comezará a semana próxima.

Bibliotecas municipais

Desde o 11 de xaneiro trabállase tamén o entroido nas bibliotecas municipais, dentro do programa de Animación a Lectura. Esta actividade está incluída na nova programación deste trimestre nas bibliotecas co nome  “Contos e estrelas”.

Realízanse obradoiros  e dáse a coñecer aos nenos e nenas dos nosos barrios os diferentes entroidos da provincia de Ourense a través das lecturas en alto, os contacontos, representacións teatrais, historias, etc…

O día 4 de febreiro ás 18,00 horas dará comezo a festa do entroido na biblioteca municipal de San Francisco onde este ano, tanto nenos e nenas como pais e nais, xa están preparando os seus disfraces de pallaso con material de refugallo e funxible.

O día 5 de febreiro ás 18,00 horas dará comezo a celebración do entroido na biblioteca municipal da Carballeira onde haberá: baile de disfraces e concurso con diferentes categorías. Nela poderán participar todos os que o desexen.

Lembrar que os días non lectivos as bibliotecas permanecerán abertas no seu horario habitual de 10 a 13:30  e de 16:30 a 20 horas e o luns de Entroido e o mércores de cinza a Animación pasará as mañás de 11 a 13 h para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.