O conselleiro de Política Social co alcalde de Vilamarín

José Manuel Rey Varela mantivo un encontro de traballo co alcalde de Vilamarín (Ourense), Amador Vázquez Vázquez.

A Consellería de Política Social continúa avanzando na rolda de encontros cos rexedores dos municipios galegos para acadar melloras na atención e nos servizos sociais destinados aos galegos e galegas.

Deste xeito, o Goberno galego e as entidades locais adquiren o compromiso de optimizar os recursos autonómicos e municipais na busca dunha política social axeitada que se adapte as necesidades de cada concello. Froito desta quenda de encontros, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse en San Caetano co alcalde do municipio ourensán de Vilamarín, Amador Vázquez Vázquez.

Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias de San Caetano, conselleiro e alcalde acordaron continuar coa colaboración emprendida entre as dúas institucións en ámbitos como a infancia, os maiores ou a dependencia. Cómpre destacar que a Consellería de Política Social investiu 45.000 euros no Concello de Vilamarín para a redacción dun proxecto para estudar a posibilidade da posta en marcha un centro de día segundo o modelo do prototipo. Así tamén cómpre destacar o incremento do 17% no Servizo de Axuda no Fogar ou a adscrición do municipio ourensán ao programa Xantar na Casa. Ademais, ambos dous mandatarios estudaron novas vías de colaboración para mellorar os servizos orientados á poboación.