Neste número tamén destacamos a noticia da posta en liberdade dos dous detidos pola morte do párroco de Vilanova dos Infantes.

O primeiro número de 2016 do periódico Barrios, gratuíto con información de Verín, Xinzo, Allariz e Celanova, xa foi publicado. Na súa portada recollemos dúas fotografías: a do inicio do entroido en Xinzo co Domingo Fareleiro, e a do pase a disposición xudicial dos dous sospeitosos da morte do cura de Vilanova dos Infantes, que logo quedaron en liberdade.

No interior da publicación, analizamos os datos demográficos das comarcas de Monterrei, A Limia, Allariz-Maceda e Terra de Celanova, que perderon máis de 8.600 habitantes na última década. Tamén analizamos o sétimo informe do Observatorio Económico de Ourense,  que recolle como en 79 dos 92 concellos ourensáns hai máis pensionistas que activos.

A firma do convenio do proxecto Life Regenera Limia, o peche dos museos de Allariz por mantemento, unha reportaxe sobre a Escola de Familia de Allariz, e outra sobre o celanovés Plácido Romero, autor do documental «Cesteando» son outros dos contidos deste número.

Ademais recollemos en imaxes as cabalgatas de Reis e incluímos un especial Entroido coas programacións de Verín, Xinzo, Laza e Maceda.

Todo isto e moito máis, podes consultalo on line aquí.