Ourense en Común concorda en que a xestión da Concellería de Benestar está sendo «moi deficiente» pero acusa ao PSOE de ter «unha estratexia política que pretende xerar o contexto apropiado para unha moción de censura».

O martes o grupo municipal socialista convocaba unha rolda de prensa para denunciar eivas no servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ourense, e, na mesma xornada, a concelleira de Asuntos Sociais emitía un comunicado no que rexeitaba as críticas socialistas. Este mércores o PSOE insiste nas súas críticas á falta de xestión na área de Servizos Sociais «ante a falta de rigor e manipulación da información por parte da propia concelleira».

Os socialistas reiteran que «é falso que non haxa lista de espera na tramitación destas axudas en dependentes de grao 2 e 3 da cidade» e por iso solicitan á Xunta de Galicia que certifique que non existe ningún tipo de lista de espera de dependencia nestes niveis como afirma o Goberno do PP.

No relativo ás críticas á xestión das horas de dependencia, para o PSOE é «denigrante» que Sofía Godoy afirme que “non é o goberno municipal o que xestiona ditas horas, senón que son os traballadores sociais do Concello os que realizan a xestión”; «non ten reparos en culpar aos funcionarios das eivas na xestión que son responsabilidade en primeiro termo da propia concelleira e en definitiva dos membros do Goberno Municipal, co seu alcalde á cabeza».

En canto ao prego de contratación do servizo de Axuda no Fogar, os socialistas recordan que a súa caducidade é inminente «e é materialmente imposible que o goberno non o deixe caducar cando, como consta nas actas dos últimos meses da Xunta de Área de Asuntos Sociais e Persoal, leva meses paralizado en Intervención».

No tocante á problemática da empresa cos seus traballadores, o PSOE bota en falta tamén á falla de mediación por parte da concelleira e o alcalde no conflito, que comezou no mes de agosto pasado. A formación política recalca tamén que a non emisión dos informes de seguimento por parte da empresa concesionaria significa un un incumprimento da Orde da Xunta de Galicia que regula os servizos de Axuda no Fogar e do prego de condicións técnicas da concesión do SAF no Concello de Ourense.

Ourense en Común chama ao Partido Socialista a facer cidade e abandonar estratexias políticas

Ourense en Común tamén entrou no debate público sobre a xestión do servizo de Axuda no Fogar. Dende Ourense en Común concordan cos socialistas en que “a xestión da Concellería de Benestar está sendo moi deficiente, neste servizo de Axuda no Fogar e noutros servizos e proxectos que non mostran ningún avance, nomeadamete a canceira municipal, a ordenanza de protección animal, a prestación a persoas en risco de pobreza ou exclusión social dentro do programa Ourense Integra, etc.”

Malia a todo o anterior entenden que “o Partido Socialista unicamente orquestra esta posta en escena de cara a medios de comunicación cun fin estratéxico de xeración de contexto. A súa denuncia dista moito da súa actividade diaria nos momentos transcendentes como as votacións en pleno ou na súa actividade nas xuntas de área que poden consultarse nas actas”. A «marea» apunta que as declaracións difundidas a medios polo grupo socialista forman parte da mesma estratexia política que pretende xerar o contexto apropiado para unha moción de censura.

“Dende o mes de setembro vimos advertindo un incumprimento do prego de condicións do servizo de axuda no fogar e incluso presentamos unha moción para constituír unha comisión de investigación da empresa concesionaria que Partido Socialista e Partido Popular votaron en contra”. Así é que a organización municipalista Ourense en Común amosa a súa indignación coas declaracións do grupo socialista ao entender que entran en contradición coas súas accións. “Sumámonos á reprobación da acción de goberno do Partido Popular en materia de servizos sociais, pois acumúlanse conflitos e irregularidades xa dende a anterior corporación, pero se o Partido Socialista quere traballar por esta cidade nesta área debería comezar por apoiar a constitución daquela comisión de investigación”.

 

 

·