Presentación do concerto do ICC Fest

O único concerto no noroeste da península da recoñecida banda de indie rock será lugar no Pazo “Paco Paz” o 14 de maio.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou acompañado de Juan Rivas e de Manuel Araújo, coordinadores do Ourense ICC Week, o concerto que a destacada banda Love of Lesbian ofrecerá no Pazo dos Deportes “Paco Paz” de Ourense o vindeiro 14 de maio, única actuación que ofrecerá o grupo no noroeste da península e na que presentará o seu novo traballo discográfico.

O concerto será o colofón das actividades do ICC Week 2016, que organiza e promove a Deputación de Ourense “cos obxectivos de potenciar a “Marca Ourense”, o turismo musical en Ourense e de que a nosa provincia sega a ser un referente na vangarda cultural e creativa como xa fomos o ano pasado coa ICC Week 2015”, afirmou Manuel Baltar.

O presidente do Goberno provincial explicou que o concerto desta banda enmárcase no denominado “ICC Fest”, “que este ano dará protagonismo á música en directo para que os ourensáns e quen nos visite poida gozar dun dos grupos de referencia na música rock e indie pop no noso país que destaca precisamente polo seu directo”.

Manuel Baltar subliñou que o ICC Fest “será tamén un escaparate para os grupos locais de Ourense”, un dos cales será seleccionado para actuar como grupo convidado o día do concerto de “Love of Lesbian”, a través dun concurso que se porá en marcha na na web www.ourenseiccweek.com.

Ourense ICC Week

Ourense ICC Week (Marco das Industrias Culturais e Creativas) naceu coa intención de pór en valor este sector e destacar o impacto económico que as persoas e empresas creativas xeran nos territorios. Ademais, o Marco ten un segundo obxectivo: sumarse a outras iniciativas que, desde a Deputación de Ourense, impulsan, constrúen e consolidan a marca “Ourense” a través do seu patrimonio natural, cultural, intanxible e creativo.

ICC Week traballa no estudo e na análise de oportunidades nos sectores culturais e creativos, seguindo as liñas das políticas europeas, poñendo o foco de atención nas ICC ao consideralas un importante motor económico para as eurorrexións. As industrias da música, a propiedade intelectual, o cinema, a xestión cultural, volverán estar presentes dentro das xornadas do próximo Marco Ourense ICCweek, xunto coas tecnoloxías de información e comunicación e a innovación e a creatividade no turismo cultural.