Jesús Vázquez

O alcalde replícalle á oposición que achegue “datos” se considera que houbo a inacción por parte do Concello con respecto á venda do mosteiro por parte do Bispado a un particular.

 

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, explicou este xoves ante os medios de comunicación que a situación do Mosteiro de Santa Comba de Naves, en Palmés, xa estaba en marcha ao chegar o PP ao goberno e animou á oposición a que facilite “datos” se considera que o grupo de goberno non actuou nas súas competencias con respecto á venda do cenobio por parte do Bispado a un particular.

Así, relatou que ao tratarse dun ben catalogado no inventario municipal, “non BIC”, a Xunta de Galicia constatou o “deficiente estado de conservación”, polo que o Concello de Ourense iniciou un expediente de reposición da legalidade. O 12 de xaneiro de 2015 a anterior concelleira de Urbanismo encargou un informe externo sobre as medidas a adoptar, e daquela se sinalaba como propietario ao Bispado. O 10 de xuño a arquitecta municipal informou favorablemente esas medidas, e o anterior goberno requeriulle á Diocese que levase a cabo as obras. Esta contesta o 10 de agosto negando a propiedade do mosteiro. Por tanto, o 3 de setembro o Concelo require información ao Rexistro da Propiedade sobre o inmoble, resposta que, sorprendentemente, aínda non ten hoxe en día.

Tras coñecerse esta semana que o Bispado realizara a venda do cenobio a un particular, o Concello requeriu á Diocese aclaracións sobre dita transacción. Paralelamente, o actual propietario presentou no Concello proxecto para reformar a cuberta da capela do mosteiro. A concesión da licenza quedará a expensas do pertinente informe de Patrimonio. Ademais, “a persoa que di ser o actual propietario”, recoñeceu o rexedor, remitiu un escrito ao Concello no que asume as esixencias de mantemento e conservación que fixera no seu día a Administración local ao Bispado.

Vázquez recalcou que se trata dun “ben privado” e dunha “transacción entre privados” e que,  en todo caso, os anteriores gobernos municipiais puideron ter analizado no seu día a titularidade do mosteiro, e as posibilidades de mércalo ou expropialo.