Guillermo Lago, alcalde A Gudiña

Manuel Baltar lamenta profundamente o falecemento do político popular e expresa a tristura de todo o PP de Ourense.

O Partido Popular de Ourense expresa a súa profunda tristura polo falecemento, esta tarde, de Guillermo Lago, alcalde da Gudiña. Lago, de 71 anos, faleceu dun infarto cando se atopaba nunha reunión no hospital de Verín coa xerente da Área Xestión Integrada de Ourense, Eloína Núñez.

Guillermo Lago, manifestou o presidente provincial do PP, foi sempre un gran activo desta formación política “e tiña o máis difícil en política, que era o apoio maioritario, elección tras elección, das súas veciñas e veciños”.

Manuel Baltar, que coñecía ao rexedor dende a súa chegada á alcaldía da Gudiña, subliñou o extraordinario labor realizado dende o Concello, engadindo que “estaba tan ilusionado polo progreso do seu municipio como o primeiro día, sen deixar de presentar proxectos e só pensando no ben de A Gudiña”.

Baltar tamén destacou a súa presenza no partido, onde formaba parte do Comite Executivo provincial e era unha voz autorizada e respectada dentro do PP de Ourense.

O presidente provincial, aínda sorprendido pola noticia, sinalou que “todos botaremos de menos os seus consellos e acompañamos á súa dona, fillos e toda a familia nun momento tan duro e inesperado”.