Paso de peóns

O goberno avalía a posible instalación de pivotes en 14 pasos de peóns para incrementar a seguridade.

O Concello de Ourense realizou o ano pasado un total de 328 actuacións de sinalización viaria (150 actuacións de mellora da sinalización vertical e 178 de mellora da sinalización horizontal) nas rúas da cidade. “Un traballo que se desenvolve dun xeito continuado por parte do Departamento de Sinalización Viaria ao longo de todo ano porque entendemos que a permanente mellora e mantemento axeitado da sinalización constitúe un elemento fundamental para garantir a seguridade, previr e evitar accidentes, e contribuír á convivencia harmónica de peóns e condutores na nosa cidade”, explicaba o alcalde, Jesús Vázquez, durante a exposición dos acordos tratados na Xunta de Goberno local deste xoves.

Os tipos de traballos realizados inclúen a reposición de sinais, de bandas sonoras e de fitos de protección, a sinalización de zonas de carga e descarga, ou o repintado de pasos de peóns, liñas amarelas, ou estacionamento de minusválidos, enetre outros. As actuacións chegaron a “todo o entramado urbano: rúas, contorna de prazas e equipamentos públicos, como o Complexo Hospitalario, Expourense ou Pavillón de Deportes, e centros educativos, onde se realiza un traballo especialmente exhaustivo en vésperas do inicio do curso escolar”, relataba o rexedor.

Reforzar seguridade en pasos de peóns

As Concellerías de Tráfico e Infraestruturas avalían agora a instalación de  pivotes disuasorios de aparcamento xunto a determinados pasos de peóns, co fin de garantir a visibilidade tanto dos viandantes como dos condutores. Nun primeiro estudo, Tráfico ten localizados 14 pasos de peóns nos que se podería levar a cabo esta medida: Salvador de Madariaga 2, Pura e Dora Vázquez con Salvador de Madariaga 1, Avenida da Saínza 24, Ramón Puga 30, 33 e 40, Carretera da Granxa 33, Ramón Cabanillas con Maristas, Avenida de Bos Aires 17, Bernardo González 11 e 17, Avenida de Portugal 109 e 128, e Pena Trevinca.

Outros asuntos

Nesta mesma Xunta de Goberno local, deuse conta dos expedientes relacionados coas catro ARRU do municipio (Área de Rexeneración e Renovación Urbana, antes ARI). Así, outorgáronse provisionalmente 28 subvencións: 1 no ARRU do centro histórico, 5 en Seixalbo, e 22 no de Polvorín, Camelias, Carballeira (22 inmobles). No caso do ARRU San Mamede, Cruceiro Quebrado, Inmaculada, o último en declararse, non houbo ningunha solicitude. Anteriormente xa foran concedidas outras 22 subvencións, todas elas no ARRU do casco vello.

No ámbito xurídico, informouse de que o TSXG estimou o recurso do Concello no caso das Axudas a Domicilio, «a empresa concesionaria solicitaba 102.681 euros en calidade de horas traballadas non previstas, e o xulgado fixou en primeira instancia unha compensación de 71.876 euros; o Concello recorreu e o TSXG exímenos de pagar nada”, explicou Vázquez.

No eido cultural, aprobouse a convocatoria do concurso que premiará as mellores comparsas e carrozas que participen no desfile do Entroido,e as bases do I Certame Literario ‘Cartas de Amor’, organizado pola Concellería de Educación.

Finalmente, e fóra da orde do día, solicitouse unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental 2016, xestionado desde a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, para a Eficiencia Enerxética na luz Pública do Polígono Industrial do Vinteún. A actuación consistiría na reforma do alumeado público para un aforro enerxético do 54,74% da potencia agora instalada. Así, conseguiríase unha importante redución das emisións de contaminantes á atmosfera de 10.873, 54 quilos de CO2 anuais.