Baltar nunha reunión con empresarios ourensáns

Deuno a coñecer Manuel Baltar na reunión que mantivo con directivos de empresas líderes en Ourense.

 

A Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Advanced Leadership está ultimando un programa de bolsas internacionais que permitiría a mozos ourensáns realizar prácticas en empresas e organismos dos máis importantes do mundo, situados en Estados Unidos. Así o confirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, na reunión que mantivo no Pazo Provincial con directivos de empresas ourensáns e representantes de entidades, mesmo o vicerreitor do campus, líderes no seus sectores, encontro que supón a continuación do mantido meses atrás en Cabeza de Manzaneda e que ten como obxectivo “manter unha canle de cooperación permanente entre o goberno provincial e o empresariado ourensán para potenciar os principais sectores económicos da provincia de Ourense”, explicou Manuel Baltar.

O programa de bolsas internacionais, denominado “Ourense líder”, que expuxo na reunión o presidente provincial, pretende formar a emprendedores no ámbito do liderado profesional en sectores como Economía, Humanidades, Xornalismo, Administración, Ciencias Políticas, Dereito, Saúde e Relacións Internacionais.

Esta iniciativa do goberno provincial contemplaría unha estancia de cinco meses en Estados Unidos realizando prácticas profesionais en empresas pertencentes a Forbes 500, organizacións gubernamentais e institucións sen fins de lucro.

Desenvolveríase entre agosto e decembro de 2016, contemplando o aloxamento dos participantes en residencias para xóvenes profesionais, con outros estudantes procedentes doutras partes do mundo, o que lles permitiría vivir nun ambiente multicultural e multinacional e achegarse a unha rede de contactos con futuros líderes doutros países. As prácticas profesionais estarían acompañadas de seminarios e cursos de liderado e integración cultural.

A Fundación Advancer Leadership é unha organización sen ánimo de lucro situada en Washington DC comprometida co desenvolvemento das competencias de liderado na mocidade.