Ethel Vázquez na reunión do transporte metropolitano

A Xunta e os concellos da área de Ourense avanzan nas negociacións do convenio do Plan de Transporte Metropolitano co obxectivo de poñelo en marcha no verán.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo este venres unha xuntanza de traballo cos oito concellos que formarán parte do Plan de Transporte Metropolitano de Ourense e entregoulles o borrador do convenio para que inicien a tramitación municipal o antes posible. Participaron alcaldes ou representantes dos municipios de Ourense, Coles, San Cibrao das Viñas, Punxín, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Toén e Amoeiro. Nesta reunión tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; e a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas.

Neste borrador de convenio articularanse as bonificacións das tarifas, sendo o máis relevante do texto as cifras que cada concello deberá orzamentar para este Plan. Os cálculos fixéronse en base ao estudo do transporte interurbano da comarca: máis de 500.000 desprazamentos analizados aos que habería que engadir os do transporte urbano.

Ethel Vázquez explicou que se prevé a necesidade de investir no Plan máis de 300.000 euros cada ano, dos que o 82% serán achegados pola Xunta de Galicia. Os concellos terán un días para estudar o convenio, para logo ser tramitado de xeito que no verán estea en funcionamento o transporte metropolitano de Ourense. Trátase do mesmo convenio xa vixente noutras áreas metropolitanas de Galicia.

Bonificacións

As bonificacións que ofrece este Plan permitirán que os veciños da área que empregan o autobús habitualmente teñan aforros medios de 600 euros ao ano. Se fan máis de 40 viaxes ao mes, máis barato e se son familias numerosas, increméntase o desconto. A isto pódense engadir as bonificacións sociais que os seus concellos desexen.

Vázquez indicou que de xeito complementario á bonificación de tarifas, dende a Xunta continúase traballando noutros eidos de mellora como son a optimización das rutas e da penetración dos autobuses interurbanos, eliminando a necesidade de transbordos; o incremento da oferta e dos horarios; e a modernización dos sistemas de información ao viaxeiro e das infraestruturas. Preguntada pola ubicación dos intercambiadores, obxecto da polémica en etapas anteriores, a conselleira amosouse convencida de que «seguro que encontraremos a mellor solución».