Isabel Castelo en Thermalies

Isabel Castelo, concelleira de Turismo e Termalismo, participou en reunións de traballo con organismos europeos, entre eles o comité executivo da Asociación de Cidades Termais (Ehtta), da que Ourense é membro fundador.

 

A concelleira de Turismo e Termalismo, Isabel Castelo, completou no Salón da Auga e o Benestar Les Thermalies de París unha maratoniana semana de reunións de traballo con diferentes organismos europeos. A axenda comezaba en Madrid coa asemblea da Rede de Cidades Ave, da que Ourense xa é membro de pleno dereito, continuou en FITUR, coa presenza da nosa cidade como destino turístico, así como na presentación do salón gastronómico Xantar e da feira Termatalia, e concluíu en París coa participación no Comité Executivo da Asociación Europea de Cidades Históricas e Termais (coñecida coma EHTTA, polo seu acrónimo en inglés), da que somos un dos seus seis membros fundadores.

Esta reunión tivo lugar no marco da feira Les Thermalies, unha das citas máis prestixiosas do calendario termal internacional, e serviu para acordar as liñas xerais que se levarán á vindeira asemblea xeral da Asociación, no mes de abril. A concelleira tivo ocasión de reunirse co presidente da Ehtta, Giuseppe Bellandi, e tratar asuntos coma a defensa, salvagarda e posta en valor dos recursos termais.

A Ehtta conta con 34 cidades adheridas a esta rede que contribúe á construción de Europa a través dun nexo común, a auga, nunha aposta polo desenvolvemento turístico sustentable. Actualmente atópase en fase de expansión, e entre os seus novos membros podemos atopar a Axencia de Turismo de Galicia.

Foi precisamente no expositor deste órgano turístico onde Castelo Villanueva puido presentarlle Ourense aos seus novos homólogos da Ehtta, xa que moitos deles xa tiveran a oportunidade de visitar a cidade participando nos Cafés de Europa e participando no Congreso Internacional da auga celebrado en 2015.