Este sábado, 23 de xaneiro, realizarán unha plantación de árbores nos montes de Palmés, onde arderon máis de 200 hectáreas o pasado verán.

O grupo scout ILEX 959 e a asociación ecoloxista Amigos da Terra realizarán este sábado unha repoboación forestal nos montes do Palmés, que foron vítima no verán de 2015 dun incendio que consumiu máis de 200 hectáreas de monte.

Na actividade participarán unha ducia dos rapaces e rapazas, de entre 8 e 13 anos, que integran o grupo scout xunto a varios voluntarios e activistas de Amigos da Terra.

Plantarán medio cento de árbores novas e tamén sementarán varios centos de sementes para que cando agromen contribuirán á rexeneración deste espazo. Tamén acometererán pequenas intervencións para evitar a erosión e perda de solo fértil.

O axente forestal e activista ambiental Xosé Santos acompañáraos durante toda a xornada. Dáse a circunstancia ademais de que foi el o responsable da coordinación do dispositivo da Consellería de Medio Rural activado para combater o lume que atacou estes montes este mesmo verán. Deste xeito achegaralles aos rapaces información de como foron os traballos de extinción, ademais de por en valor e visibilizar o importantísimo labor dos traballadores forestais no coidado e defensa dos nosos montes.

As intervencións darán comezo aproximadamente a partir das 12:15 horas nos terreos da Comunidade de Montes Naves, que apoia estes labores, ata aproximadamente as 14:00, momento no que comezarán unha pequena ruta interpretativa ata Outariz, pasando ao lado do Mosteiro de Santa Comba de Naves (onde pararán a xantar) e As Conchadas. Neste percorrido as persoas participantes terán a oportunidade de apreciar diferentes elementos de valor patrimonial, tanto histórico artísticos como naturais, ademais dunhas vistas e paisaxes moi especiais. A actividade rematará aproximadamente ás 18.00 horas