Os socialistas acusan a Jesús Vázquez de ser o «culpable» da venda do cenobio, primeiro como conselleiro de Cultura e logo como alcalde.

 

O grupo municipal socialista presentará unha moción no vindeiro pleno na que solicitará apoio «para que os veciños de Palmés estean debidamente informados da venda do seu monasterio facilitándolles toda a documentación da mesma por parte da Xunta de Galicia e do Concello, para que dende o Concello se poñan a súa disposición os recursos xurídicos e urbanísticos necesarios co fin de que estean debidamente asesorados, e, para que, no caso de que a venda non se realizara dacordo coa lexislación vixente, o Concello e a Xunta tomen as medidas oportunas para recuperar o Mosteiro e para que os veciños poidan decidir o seu destino e uso».

Os socialistas cren que Jesús Vázquez foi o «culpable» da venda do cenobio e recórdanlle que a xestión do estado de ruína deste ben era da súa competencia durante os últimos anos, nos que exercía como conselleiro de Cultura, «sen que houbera pola súa parte ningún tipo de interese no que agora recrimina ao anterior goberno municipal socialista que puido facer e non fixo; el si podía haber posto en marcha un proceso de negociación para a súa compra ou prantexar a expropiación ante o estado de ruína e deterioro no que se atopaba perante o propio Obispado e o Concello de Ourense; pero non fixo nin unha cousa nin a outra».

Desde o PSOE, coñecedores do «valor sentimental e patrimonial deste ben para os veciños de Palmés e tamén de Canedo e arredores», amosáronse preocupados pola «urxencia da venda» por parte do Bispado «dun ben que fai só catro meses non era propiedade súa, cando se trataba de realizar obras para evitar o seu derribo e abandono». Critican que a Diocese en ningún momento lles ofrecera a posibilidade compra do mosteiro aos veciños. A venda a un particular que reside no estranxeiro deste ben catalogado que data produciírase o 22 de decembro, pero os veciños non foron informados ata unha vez rematado todo o proceso, o 14 de xaneiro.