A actuación conta cun orzamento de máis de 87.000 euros.

A Xunta executará obras na OU-301 en Baltar

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, mantivo unha reunión co alcalde de Baltar, José Antonio Feijoo, na que lle informou de que a Xunta executará en verán as obras de mellora da estrada OU-301 ao seu paso por este municipio, que suporán un importante beneficio para os seus veciños.

Explicou que se trata de obras de rehabilitación e reforzo do firme, complementadas con pequenas melloras na drenaxe, nos noiros, a sinalización, sistemas de contención e no balizamento coas que se conseguirá unha mellora da vía para garantir as condicións mínimas de seguridade vial na circulación.

A responsable de Infraestruturas do Executivo autonómico avanzoulle ao edil ourensán que o proxecto para esta acción foi redactado pola empresa Diagrama Ingeniería Gallega S.L. e que conta cun orzamento de máis de 87.000 euros.

O contrato para a realización das obras xa se licitou o pasado mes de febreiro e no proxecto contémplanse distintas actuacións como a reparación do firme mediante fresado puntual e reposición da capa de rodadura.

Estes traballos de reforzos de firme que está a levar a cabo a Xunta están incluídos no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que recolle as liñas de traballo para tratar de reducir, ao máximo, o número de accidentes de tráfico que se rexistran nas estradas galegas e tamén para tentar minimizar os seus efectos e consecuencias. En concreto, esa folla de ruta ten como principal obxectivo reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas, con respecto ás rexistradas no ano 2011.