Cualedro e Monterrei estudan prestar conxuntamento servizos de Protección Civil

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, mantiveron unha xuntanza cos alcaldes de Cualedro e Monterrei, Luciano Rivero e José Luis Suárez, co obxecto de analizar a posibilidade de crear unha asociación de municipios para a prestación de servizos de Protección Civil.

Segundo o proxecto, os concellos beneficiados inicialmente serían os dous representados na reunión, coa posibilidade de que nun futuro este servizo se podería estender a outros municipios limítrofes.

O director xeral de Emerxencias explicoulles a ambos rexedores ourensáns as vantaxes desta modalidade de organización e prestación do servizo que constitúe un obxectivo estratéxico na política de protección civil. Segundo destacou Luis Menor, a aposta dos concellos polo asociacionismo neste ámbito “significa unha aposta pola eficiencia, por acabar coas duplicidades e por mellorar a calidade e a cobertura dos servizos con menos presuposto”.

A iniciativa de Cualedro e Monterrei neste ámbito, súmase a outras que se están desenvolvendo na Comunidade Autónoma e que se atopan en diversas fases de tramitación. Na actualidade, o proxecto que está máis avanzado é o que corresponde á agrupación da Lama xunto con outros 4 concellos da provincia de Pontevedra.

Co obxecto de favorecer este tipo de organización mancomunada de municipios, as ordes de axuda para a subministración e reparto de medios materiais priman os proxectos de xestión compartida.