A Xunta de Galicia executará en verán as obras de reforzo de firme.

Obras de reforzo da estrada entre Porqueira e Xinzo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, mantivo unha reunión coa alcaldesa da Porqueira, Susana Vázquez, na que lle informou de que a Xunta executará en verán as obras de reforzo de firme da estrada OU-301 entre este municipio e o de Xinzo de Limia.

A responsable de Infraestruturas do Executivo autonómico avanzoulle á rexedora deste concello ourensán que o proxecto para estas accións foi redactado pola empresa Diagrama Ingeniería Gallega S.L. e suporá un investimento de 167.000 euros só no municipio da Porqueira.

O contrato para a realización das obras xa se licitou pasado mes de febreiro e no proxecto contémplanse distintas actuacións como a reparación do firme mediante fresado puntual e reposición da capa de rodadura en puntos localizados da OU-301, concretamente, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+135, no lugar de Ganade, no Concello de Xinzo; e no 11+300, na Pedrosa, no Concello de Porqueira.

Estes traballos de reforzos de firme que está a levar a cabo a Xunta están incluídos no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que recolle as liñas de traballo para tratar de reducir, ao máximo, o número de accidentes de tráfico que se rexistran nas estradas galegas e tamén para tentar minimizar os seus efectos e consecuencias.