A vila alaricana oferta un programa de ocio entre o 24 eo 27 de marzo que inclúe música na rúa, mercados, actividades infantís, e visitas guiadas.

Allariz, destino de Semana Santa

Allariz é un destino de Semana Santa xa consolidado. O ano pasado, máis de 4.000 persoas pasaron pola oficina de información turística alaricana, e 3.000 visitaron os museos da vila. Para seguir nesa liña, desde o Concello prepararon un programa de actos entre o 24 e o 27 de marzo para ofrecer “unha Semana Santa para todos os gustos e segmentos”, apuntaba a edil de Promoción Económica, Cristina Cid.

Así, a Semana Santa ao Vivo de Allariz oferta actuacións musicais na rúa, un mercado de artesáns locais, ubicado no patio do Museo do Coiro, e actividades lúdicas para os cativos na praza de Abaixo, ademais dos eventos relixiosos propios da época.

Ademais, os museos da Moda, do Xoguete e do Coiro, que veñen de ser remodelados, permanecerán abertos neses días en horario de mañá e tarde, ao igual que o Centro de Educación Ambiental O Rexo. E o Mercado da Reserva da Biosfera, habitual dos sábados á mañá, amplía a súa apertura ao Venres Santo, con degustacións e demostracións de cociña ao vivo nas dúas xornadas. Tamén haberá visitas guiadas os catro días, para grupos dun mínimo de dez persoas.

Música na rúa

Un dos elementos máis destacados da programación da Semana Santa ao Vivo é a música na rúa. Dos 60 grupos que se presentaron á selección, o Concello escolleu cinco, atendendo á premisa de que houbera variedade de estilos, con grupos máis comerciais, outros tradicionais e outros alaricanos, e que se adaptasen ao formato de rúa. Andhrea & The Black Catas (blues), Vates Bonhomios (pop-rock), Feitizo (versión en acústico), Beatriz Martínez & Langarika (arpa e bouzoki) e Soul & Roll (rock, pop, blues e soul) serán os encargados de animar musicalmente os festivos de Semana Santa. Tocarán en diversos recunchos do casco histórico de Allariz, en varios horarios de mañá e tarde.

Con toda esta oferta, Cid agarda que sexa “unha boa Semana Santa para a hostalería e para o comercio”.