Baltar reuniuse cos principais expertos en turismo de España para analizar os últimos avances científicos e tecnolóxicos aplicados ao sector.

A Deputación promove que a nosa provincia sexa recoñecida como “Destino Turístico Intelixente”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Campus de Ourense cos expertos científicos de máis relevancia no ámbito turístico en España, con quen analizou o proxecto no que están a traballar, referido a “Destinos turísticos intelixentes”, unha iniciativa que ten como obxectivo aplicar os últimos avances tecnolóxicos na xestión, xeo-localización e posicionamento turístico na procura de novos mecanismos para impulsar a innovación nos destinos co desenvolvemento das TICs. A finalidade é crear servizos diferenciais e altamente competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo.

Na reunión, Manuel Baltar propúxolles aos expertos ampliar o estudo que están a realizar para que contemple non só localidades concretas senón que abranga todo o territorio provincial e incorpore o concepto de “provincia intelixente” que está a promover Manuel Baltar, referido á provincia de Ourense, “co obxectivo de que este proxecto teña unha base territorial máis ampla, contemplando á provincia como un todo á hora de levar a cabo iniciativas turísticas innovadoras e de vangarda”, afirma Manuel Baltar.

O expertos turísticos amosáronlle ao presidente do goberno provincial o seu interese por abrir esta nova canle de estudo que propón Manuel Baltar, que inclúe ese concepto integral de provincia, e que se concretaría na realización dun estudo turístico específico para a provincia de Ourense, que levaría a cabo un equipo multidisciplinar de expertos en turismo, co apoio da Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, “para que Ourense sexa a primeira provincia que teña a catalogación de Destino Turístico Intelixente”, explica Manuel Baltar e engade que este distintivo permitiría “aplicar as innovacións tecnolóxicas que nestes momentos realizamos co programa de Termalismo Saúdable a outros ámbitos do turismo como son a natureza, a arquitectura, o patrimonio histórico-artístico, a etnografía, a cultura, os deportes de inverno e o termalismo deportivo, todo elo contemplado como un único destino que teña a súa base nunha nova forma de facer e de xestionar o turismo por medio das vantaxes que permite a tecnoloxía”.