Unha plataforma quere que os municipios da provincia se declaren opostos "ao TTIP e aos tratados de libre comercio”

Campaña contra o TTIP en Ourense

A Plataforma Cidadá de Ourense “Non ao TTIP” presentou a súa campaña para declarar aos Concellos da provincia “municipios opostos ao TTIP e aos tratados de libre comercio”, seguindo así aos centos de cidades que xa o fixeron en España e o resto de Europa.

Na presentación aos medios, que correu a cargo dos membros da Plataforma Carmen Rodríguez e Ares Jiménez, describíronse as accións que van realizarse ao longo dos meses de marzo e abril. “A campaña iníciase coa presentación de instancias aos grupos políticos dos concellos da provincia de Ourense e a recollida de firmas en varias poboacións para que se presenten mocións aos plenos municipais, co obxecto de declaralos municipios opostos ao TTIP e os tratados de libre comercio que a Comisión Europea negocia de costas á cidadanía”, informaba Carmen Rodríguez. “Durante toda a campaña realizaranse palestras, mesas informativas, intervencións na rúa, vídeo-forums, etc., que contarán coa presenza de especialistas como a eurodiputada Marina Albiol ou o politólogo Carlos Taibo, con obxecto de informar e sensibilizar á cidadanía sobre este tema”.

O obxectivo desta campaña é deter a negociación e sinatura do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP, polas súas siglas en inglés), o Acordo sobre Comercio de Servizos (TISA), así como outros tratados de libre comercio semellantes (CETA, EPA) que na actualidade están na fase de negociación por parte da Comisión Europea e “que pretenden supeditar as institucións e marcos legais estatais e internacionais aos intereses particulares das grandes empresas multinacionais.” Estes tratados, en palabras de Ares Jiménez, “son un ataque frontal á democracia, a soberanía popular e os dereitos e liberdades cidadáns, pois supoñen implantar un novo modelo de gobernanza no que sexan as grandes transnacionais as que diten as leis”, ademais de “garantir os beneficios multimillonarios destas empresas á conta de destruír emprego, pemes, economías locais e servizos públicos, e si iso non chega teremos que pagar multas de miles de millóns a cargo das arcas públicas”.

Desde a Plataforma “Non ao TTIP” defenden que “o comercio e o investimento soamente poden contribuír ao ben común baseados en criterios de xustiza social, económica e ecolóxica, criterios que non están a ser aplicados no desenvolvemento destes tratados. Os dereitos humanos e os dereitos sociais son dereitos inalienables, polo que non poden depender da lóxica do mercado”. E engaden, “as institucións públicas e os marcos legais débense á defensa dos dereitos e liberdades das persoas e os pobos, o ben común e o interese xeral, por enriba de calquer consideración relativa ao libre mercado ou aos intereses particulares das empresas transnacionais.”