Entrevista a Carlos Montero, autor de “El desorden que dejas”, un thriller ambientado na súa terra natal, Celanova.

“Prometo unha historia absorbente, entretida, chea de xiros e de segredos escuros”

Por Silvia Nieto.

Nas últimas semanas o nome de Celanova ten aparecido en diversos medios nacionais, e esta vez non ten nada que ver coa política, nin sequera coa nosa histórica poesía ou o noso incomparable audiovisual; desta volta foi a narrativa a que nos deparou unha das mellores novas que contar, xa que o celanovés Carlos Montero vén de recibir o Premio Primavera de Novela coa súa obra “El desorden que dejas”.

Montero mudouse a Madrid para estudar Ciencias da Información e leva 16 anos colleitando éxitos no sector audiovisual, como creador da serie “Física o Química”, escribindo para “El Comisario” e recentemente traballando na adaptación de “El tiempo entre costuras”, de María Dueñas, e “Apaches”, de Miguel Sáez.

Falamos con el para descubrir a súa segunda novela, á venda o próximo 22 de marzo, e que promete facerche conter o alento ata a última páxina, porque seguro que identificarás o pobo no que se desenvolve e seguro que atoparás máis dunha semellanza coa súa protagonista, quizais ti poderías ser ela.

Que atoparemos en “El desorden que dejas”?
Carlos Montero: “Un thriller galego. Unha protagonista coa que te vas identificar. Unha historia contada case como un xogo perverso e apaixoado”.

Desenvólvese nun instituto dun pequeno pobo do sur de Ourense, un cadáver aparece no encoro das Conchas… Como decides ambientar a túa novela na túa terra natal?
C.M.: “Tiña gañas de escribir un thriller no mundo rural, e que mellor que acudir ao que coñezo. Eu como lector apaixoado que son do thriller escandinavo, parecíame que Galicia tiña unha paisaxe similar. Esa bruma, esa humidade, os campos verdes, o carácter da xente…”

Que te levou a tratar o acoso escolar e que sexa protagonizado por unha profesora?
C.M.: “Apetecíame moito a idea de que o lector se puidese sentir moi identificado coa protagonista, e para iso tentei afastala do mundo da Policía ou da Garda Civil. Quería que o lector sentise: ela podería ser eu. E pareceume que a contorna dun instituto dábame pé a meter á profesora nun ambiente en principio amable pero que pronto se vai enrarecendo. E para min non hai nada que dea máis terror ou máis misterio que penetrarme nun terreo que se vai volvendo cada vez máis hostil e inseguro; onde nada é o que parece e acabas dubidando de todos, até dos que levan media vida ao teu carón. Era un campo de cultivo marabilloso para crear esta historia”.

Cres que este tipo de problema está a acrecentarse ou que agora é máis visible?
C.M.: “O acoso escolar creo que sempre existiu. Non sei se agora é máis visible que antes, supoño que si. De todas as maneiras eu non tratei de facer unha disección ou unha análise sobre o tema. Estou moi lonxe da novela social ou de denuncia, a pesar do carácter marcadamente realista da miña novela. Utilizo o acoso como trampolín para contar unha historia que espero sexa apaixoante. Pero non teño a intención de sentar cátedra respecto diso. Nada me pode interesar menos”.

Até que punto consideras que inflúe Internet e as redes sociais?
C.M.: “Internet e as redes xa forman parte da nosa vida. Todo está a man, de todo nos separa un click. Dinamitáronse conceptos como o da intimidade, e estamos moi expostos. Pero tamén nos deu cousas marabillosas. Se antes a tele era nosa xanela ao mundo, agora con Internet esa xanela converteuse nun balcón interactivo. E iso é incrible”.

Guionista de series como “Física y Química”, a túa experiencia e coñecementos sobre os adolescentes plásmanse nesta obra?
C.M.: “Espero que si, pero así como en ‘Física’ si había unha pretensión de contar a adolescencia nesta novela iso desaparece. Tres dos meus personaxes son adolescentes. Compórtanse como tal, aínda que cun grao de perversión e intelixencia bastante elevado, pero non é un retrato fiel, nin o pretende da adolescencia. Non estou a dicir en ningún momento que os adolescentes en xeral sexan como estes que retrato. Simplemente este tres son así.

Non hai ningún afán de retrato xeracional, nin de pór o acento sobre como é agora a adolescencia. Nin me interesaba, nin era o que estaba a contar”.

Esta obra acaba de recibir o Premio Primavera de Novela, seleccionada entre 896 creacións, como recibiches a noticia?
C.M.: “Chamáronme un día antes, pasáronme con cada un dos membros do xurado, eu nese momento estaba a pasear ao meu can polas rúas de Malasaña en Madrid, onde vivo. Foi unha alegría tremenda”.

Con 18 anos deixas Celanova por Madrid, como foi ese cambio?
C.M.: “Foi un cambio estupendo. Eu, ao contrario do que se adoita dicir de nós os galegos, non teño o nivel de morriña moi elevado. Aínda que me gusta volver de cando en vez á miña terra. Gocei Madrid desde o principio, e sígoo facendo. Agora dunha maneira máis tranquila, iso si, que xa vou cumprindo anos.”

Sen dúbida a túa traxectoria profesional está ligada ao sector audiovisual, que balance fas destes máis de 15 anos de profesión?
C.M.: “Houbo de todo, pero o balance é moi positivo. Empecei nun momento de bonanza no sector e fun encadeando un traballo con outro. Tiven moita sorte. E traballei con xente da que aprendín moitísimo. E espero sementar algo polo camiño. Son un afortunado”.

Cando decides comezar no mundo da literatura?
C.M.: “O soño de escribir unha novela sempre estivo aí. Pero o traballo, o medo a non estar á altura, e mil coUsas máis non me facían decidirme. E por fin un día recibo unha chamada propóndomo e lanceime. Eu son de lanzarme”.

Tes algún proxecto por cumprir?
C.M.: “Espero que sempre me queden soños e proxectos por realizar. Que triste sería non telos. Seguir escribindo novelas, guións, tal vez dirixir…”

Poderemos verte pronto por Celanova para felicitarte?
C.M.: “Seguro que si. En abril pasareime. A semana do 10 estarei por toda Galicia promocionando a novela así que me achegarei, claro. Apetéceme moito”.

Por último, envíalle unha mensaxe aos nosos lectores.
C.M.: “Oxalá vos atrevades con ‘El desorden que dejas’. Eu prometo 400 páxinas dunha historia absorbente, entretida, chea de xiros, de segredos escuros, de verdades a medias, con personaxes realistas, e con moitos guiños ao lector galego, e máis ao ourensán. Estou convencido de que vos gustará”.