O 86% dos expositores volverían participar na Feira do Lázaro de Verín

Segundo as enquisas realizadas polo ente municipal, o 86% dos expositores volverían participar a Feira do Lázaro de Verín celebrada no Pavillón Municipal de Deportes da vila. Esta cifra supón un lixeiro aumento de satisfacción, con respecto á anterior edición, na que o 78% das empresas afirmou que volvería participar na feira.

Ditas enquisas, que  foron respondidas polo 84% dos expositores (62 en total distribuídos en 72 stands), tamén dan un aprobado ás vendas na Feira cunha puntuación de 6,04 sobre 10, nota similar á obtida na edición do 2015 (6,25).

Outro dato para destacar é o aumento de expositores da comarca que incrementou a súa participación nun 8% respecto os do ano pasado (pasando do 42% ao 50% este ano).

Segundo a concelleira de Turismo, Purificación Caldelas, “ao non tratarse dunha feira  estritamente comercial, cumpríronse as expectativas xa que se conseguiu un volume razoable de vendas e un gran número de persoas acudiron a coñecer os nosos produtos”. Ademais, engade Caldelas “a maioría das empresas participantes han mostrado o seu interese en que en repetir na próxima edición, o que demostra os bos resultados obtidos nesta feira”.

As enquisas realizadas tamén preguntaban aos expositores por unha serie de cuestións vinculadas ao recinto feiral entre as que se lle preguntaba a súa valoración, puntuando de 1 a 10 sobre: as instalacións (9), a calidade das casetas (9,32), o horario da feira (8,36), as actividades (7,88), a limpeza(8,6) e  a música (7,64).

Gran acollida da nova zona de charlas de expositores

Como novidade este ano, o Concello de Verin habilitou unha zona de charlas informativas para que os expositores tiveran a oportunidade de presentar os seus produtos de maneira directa a un maior número de persoas.