O prezo de partida da explotación é de case 53.000 euros anuais.

O Concello aproba o prego para adxudicar a xestión do mercado da Ponte

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza deste xoves o expediente para licitar, mediante procedemento aberto, a contratación da concesión administrativa da xestión integral da Praza de Abastos da Ponte, cos seus pregos de cláusulas técnicas e particulares.

O prego regulará as condicións de adxudicación da explotación de todas as góndolas comerciais do mercado sito na planta baixa e soto do edifico sito na avenida das Caldas, 6. Son 8 postos (froitas, queixos, viños, peixes, carnes, charcutería, pan e delicatessen), máis unha zona de restauración-bar e unha área de degustación. Os interesados deberán presentar propostas económicas a partir de 52.737 euros anuais, IVE incluido, tipo mínimo de licitación.

As propostas recibidas valoraranse de acordo coa oferta económica realizada (80 puntos), investimento comprometido (10) e modelo de xestión (10). Con este persíguese que o mercado sirva de dinamizador da actividade turística e comercial do barrio, que poña en valor o produto fresco, e ofreza o atractivo da degustación.