O Concello de Barbadás desenvolverá o 2 de abril unha actividade que combina aspectos lúdico, educativo, a transmisión de valores entre os menores e o apoio ao comercio de proximidade.

Barbadás promove a solidariedade

‘Era unha tarde de outono. O raposiño Catuxo abriu os ollos con suavidade e mirou ao seu arredor. Onde estaba? Aquilo dende logo non era un bosque nin nada que se lle asemellara’. Así comeza o conto infantil “Catuxo, o raposiño das Burgas”, escrito por Patricia Jara e Miguel Saa.

Os autores elixiron Barbadás para presentar este conto infantil porque a narración remata cos protagonistas da mesma: Catuxo, Rufi e Eca dirixíndose a este municipio.

A presentación deste conto infanfil enmárcase nunha actividade transversal do Concello de Barbadás na que se combinan os aspectos lúdico, educativo, a transmisión de valores entre os menores e o apoio ao comercio de proximidade.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, explicou que o evento terá lugar o 2 de abril (Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil) no parque da Liberdade entre as 17 e as 20 horas.

Previamente e durante dúas semanas entregaranse no comercio local de Barbadás uns vales “por unha tarde de diversión”. No mencionado parque haberá hinchables, obradoiro de maquillaxe e xogos grupais. Haberá ademais a visita sorpresa dun persoaxe de ficción.

Un dos obxectivos do evento é fomentar entre os cativos valores tan fundamentais como a solidariedade que aparecen no conto “Catuxo, o raposiño das Burgas”.

Todos os participantes achegarán no parque da Liberdade un quilo de alimentos e recibirán un exemplar para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil.

Na organización do evento participan o Banco de Alimentos de Ourense, Agaeca, Amencer, Cáritas e a Concellería de Comercio e de Educación do Concello de Barbadás. A asociación Rosa dos Ventos é a promotora da iniciativa coa que se pretende fomentar a solidariedade dende a escola, erradicar a pobreza e as desigualdades e fomentar hábitos solicarios.

No acto de presentación do libro estiveron tamén Miguel Ángel Castro, Natalia González, do Banco de Alimentos; Marga Pérez, concelleira de Educación e de Comercio: Patricia Jara e Miguel Saa, autores do conto.