Refírense a un anuncio en castelán promocionando a Semana Santa ourensá.

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar que o Concello de Ourense incumpre as leis e normativas en materia de lingua ao publicitar a cidade en castelán.

Así, nun comunicado, o BNG refírese a que en varios medios de comunicación de prensa escrita de ámbito galego apareceu un anuncio que promociona a cidade para as vacacións de Semana Santa empregando a lingua castelá e incumprindo a Lei de Normalización Lingüística e a Ordenanza de Normalización Lingüística do propio Concello, que recollen que «a entidade local fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal».

Desde o Bloque lamentan que o goberno de Jesús Vázquez se negue a usar o galego na publicidade. «Lamentabelmente non sorprende esta conduta por parte de quen pasará a historia polo decreto de ensino máis regresivo contra o galego» declarou Xosé Fernández Baltar, responsable local.  A língua galega constitúe o principal patrimonio cultural da nosa comunidade, por iso Xosé Fernández Baltar afirmou que «é responsabilidade das institucións ter un papel activo na normalización dos usos, por iso desde o BNG esiximos a corrección do anuncio e unha petición de desculpas do goberno do PP».