O orzamento de adxudicación ascende a un importe de máis de 103.000 euros e o prazo de execución é de seis meses.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar a redacción do proxecto da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense. A empresa adxudicataria é PROYFE S.L, que será a encargada de realizar os citados traballos, cun prazo de execución de seis meses e por un importe de 103.577,60 euros.

O obxectivo deste contrato é definir o deseño óptimo para a estación intermodal co fin de facilitar aos cidadáns un intercambio áxil e eficiente entre os distintos modos de transporte.

O proxecto de intermodal para Ourense supón achegar a estación de autobuses a unha ubicación máis céntrica e facilitar o intercambio de viaxeiros entre modos de transporte. As actuacións integrais no eido da intermodalidade inclúen a adaptación de andéns e de conexión entre barrios por parte do Adif.

A nova estación de autobuses situaríase xunto á estación ferroviaria. Segundo a análise dos estudos previos realizados pola Xunta de Galicia para avanzar na estación intermodal, a terminal de autobuses deberá contar con 19 dársenas. Ademais, construirase un edificio terminal duns 430 m2 e a superficie total chegará a 5.800 metros cadrados. Tanto a terminal como as dársenas se construirían ao nivel da rúa.