O avogado Miguel Caride encabeza a lista da formación independente.

Democracia Ourensana presenta o seu candidato á Xunta

Co obxectivo de poñer sobre a mesa a discriminación que sofre Ourense, Democracia Ourensana presentará candidatura ás eleccións autonómicas deste 2016. Farao levando como cabeza de lista ao avogado Miguel Caride. Colaborador habitual da formación desde fai varios anos, o avogado dá agora o salto á política coa intención de que os ourensáns deamos “un puñetazo na mesa e teñamos capacidade de decisión” en Santiago.  

“Os datos da situación económica e demográfica son lamentables, durante máis de 30 anos os políticos non fixeron absolutamente nada”, valora o candidato; de aí a necesidade de “abrir fiestras para que entre aire fresco en Ourense”.

As pretensións de Democracia Ourensana non pasan por entrar nun hipotético goberno da Xunta, senón en ser chave e que “cando se tomen decisións, se teñan en conta as demandas de Ourense”.  Por iso Caride non predetermina a quen prestará o seu apoio DO no caso de obter representación; “chegado o momento o que haberá que mirar é o compromiso sobre unhas esixencias programáticas”.

Caride é o primeiro candidato en coñecerse para as próximas eleccións á Xunta de Galicia. Presentouse ante os medios acompañado de Gonzalo Pérez Jácome e doutros membros de DO. Jácome dixo marcarse como reto sacar entre dous e tres deputados (entre 20 e 30 mil votos na circunscripción de Ourense). A formación está a traballar xa na elaboración da candidatura.