O conselleiro de Política Social mantivo un encontro de traballo co colectivo de pais e nais do Centro de Educación Especial de Velle.

Rey Varela estuda a viabilidade dun centro de educación especial para maiores de 21 anos

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo no serán de hoxe unha reunión de traballo co colectivo de pais e nais de nenos e nenas e mozos e mozas con discapacidade psíquica e física do Centro de Educación Especial “Miño”, de Velle. Na xuntanza tamén estivo presente a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro.

Na reunión, os pais dos menores con discapacidade solicitaron a creación dun centro público para maiores de 21 anos co obxecto de que os seus fillos e fillas teñan a posibilidade de continuar coa súa formación e desenvolvemento persoal. Así as cousas, o encontro desta tarde serviu para trasladar ao conselleiro a situación real deste colectivo, así como cales son as súas principais necesidades.

O titular da área social do Goberno Autonómico escoitou con atención as peticións dos pais e nais do CEE Miño de Velle e asegurou que o seu departamento “estudará en profundidade a posibilidade da construción deste centro”. Do mesmo xeito, Rey Varela afirmou que a Xunta de Galicia “garante a plena integración no eido social para todas as persoas que teñan algunha discapacidade” e avanzou a celebración dunha nova xuntanza no prazo dun mes.