A Xunta de Goberno Local aproba o expediente para contratar o servizo de acceso gratuíto a Internet a través da rede Ourense wifi.

A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza deste xoves a sinatura de dous convenios de colaboración para a realización de actividades de fomento das novas tecnoloxías no novo Centro de Coñecemento La Molinera. Tamén aprobou o expediente para sacar o concurso o servizo gratuíto de acceso a Internet a través da rede wifi municipal.

O convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación Provincial de Ourense ten como finalidade a copromoción, coorganización e cofinanciamento de actividades no marco da denominada ICC Week 2016, que se desenvolverán en La Molinera.

Ourense IC C Week pretende ofrecer unha radiografía das industrias artísticas e creativas a través de distintas mesas redondas, conferencias, coloquios, demos e encontros entre profesionais do sector da industria creativa: radio, cine, tv, música, novas tendencias tecnolóxicas, apps ou video-xogos.

Un segundo convenio establece a colaboración entre o Concello e Banco Sabadell para actividades de promoción e uso das novas tecnoloxías (TICs) no mesmo equipamento municipal. O Banco Sabadell pretende implicarse nas actividades que o Concello desenvolverá no centro municipal, cunha achega económica de 10.000 euros.

Banco Sabadell xa é de feito colaborador na Xornada de Portas Abertas: “Unha viaxe cara á sociedade do coñecemento”, que o Concello organizará o venres, 8 de abril, en La Molinera, na que participarán a escritora e divulgadora Elsa Punset, o director de Citilab Cornellá, Javier González e o deseñador ourensán Pablo González.