Disporá dun espazo expositivo propio no recinto de Expourense para informar sobre os seus servizos e apoios á actividade de emprendedores e empresas.

O IGAPE participa no 50 aniversario do polígono de San Cibrao

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) participará na iniciativa “San Cibrao, o Polígono nunca visto”, que se celebrará durante os dous próximos días no recinto feiral Expourense. O Instituto achegará ás pemes e emprendedores ourensáns os seus servizos e programas de apoio á actividade empresarial, a través do espazo expositivo propio co que contará na mostra que conmemora o 50 aniversario do parque empresarial.

Máis dunha ducia de empresas mostrarán aos asistentes os seus mellores produtos nesta iniciativa. O programa da celebración do 50 aniversario do polígono inclúe, este venres 1 de abril, unha xornada sobre as oportunidades de negocio en Alxeria e Marrocos, e o sábado 2, un foro de emprendemento con exemplos de actitude emprendedora na provincia.

Para promover e apoiar os investimentos empresariais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén activados, a través do Igape, os programas Galicia 1000 e Galicia Inviste, que ofrecen préstamos directos, préstamos participativos, capital risco ou préstamos bonificados e avalados.

Ao abeiro das novas bases de apoio ao investimento produtivo (Galicia Inviste), dotadas con 12 millóns de euros, a Xunta apoiará tamén ás pemes que impulsen proxectos a partir de 50.000 euros con axudas que poden cubrir ata o 35% dos investimentos. Apoiaranse no marco desta liña os proxectos de investimento en bens de equipo e os proxectos xeradores de emprego.