Suporá un investimento de 800.000 euros e terá capacidade para 50 prazas.

Convenio de colaboración entre Xunta, Concello e Plan Xacobeo para a posta en funcionamento do novo albergue de peregrinos

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o director-xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez; e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinaron o acordo de colaboración entre estas institucións para a posta a disposición e posta en funcionamento dun albergue de peregrinos en Ourense.

Mediante este acordo, as partes poñen a disposición o inmoble sito no número 12 da rúa da Barreira para a súa adecuación como albergue para peregrinos, que estaría xestionado pola S.A de Xestión do Plan Xacobeo. Contará cun investimento de preto de 800.000 euros e terá capacidade para 50 prazas, cuartos de duchas e aseos, así como zonas de lavandería, almacén de mochilas e os espazos servidores da xestión do albergue.

Só no que vai de ano 2015, foron 8.968 dos máis de 180.000 os peregrinos chegados a Santiago os que elixiron a Vía da Prata, unha cantidade que vai en aumento respecto a anos pasados, en grande medida, por culpa da labor de recuperación e posta en valor dos camiños de Santiago que leva a cabo a Xunta de Galicia.

“Correspóndenos ás administracións traballar man a man para dotar de mellores servizos o Camiño de Santiago que redunden en máis visitantes e mellor promoción do noso turismo. É compromiso tamén deste goberno, a nivel municipal, o de dotar a Vía da Prata das mellores infraestruturas posibles, e consideramos que o incremento de prazas para romeiros é un paso á fronte”, recalcou Jesús Vázquez.

“Os que elixan a Vía da Prata como alternativa para chegar a Santiago de Compostela atoparán en Ourense un lugar céntrico, onde poder disfrutar de todo o bo que esta cidade e os seus habitantes poden ofrecer. É, sen dúbida, un proxecto estratéxico para o turismo e as posibilidades económicas desta cidade”, recalca Jesús Vázquez.