CCOO alerta do aumento da “pobreza laboral” e a CIG lembra que só o 43% dos desempregados percibe algún tipo de prestación.

Os sindicatos atribúen a baixada do paro en marzo á Semana Santa

A baixada de 379 persoas nas listas do desemprego no mes de marzo en Ourense é, para CCOO e CIG, “insuficiente e irreal”, xa que se concentra na actividade de temporada da campaña de semana santa como ven ocurrindo todos os anos. Ambos sindicatos destacan que o maior descenso dáse no sector servizos con 282 persoas menos desempregadas, e poñen en evidencia que no 2015 nesta mesma campaña a baixada foi de 446 persoas.

Dende CCOO lembran que «o emprego creado, máis que novo emprego é tan só unha repartición do traballo existente cunha gran rotación atendendo a estacionalidade do sector servizos”, explican. E destacan, de novo,  “a precariedade, a pobreza laboral que aumenta entre a poboación ourensá, xa que o 89% dos contratos que se fixeron este mes, volven a ser temporais”.

“Os recortes salariais, xunto coa non aplicación das revisións salariais e o rechazo por parte dos empresarios ourensáns á negociación colectiva, provocan unha gran perda de poder adquisitivo, sendo Ourense a provincia co salario máis baixo de Galicia, 16.532 euros/ano, e un dos máis baixos do Estado”, insisten.

Pola súa banda, a CIG destaca a diminución da cobertura, xa que só o 43% dos parados reciben algún tipo de prestación e só 4.941 dos 25.934 inscritos perciben prestación por desemprego.

O Secretario provincial da CIG- Ourense valora estes datos como “moi graves”, xa que “evidencian o abandono que sofre a provincia por parte das administracións» e lamentan que “o paro real é moito máis elevado se contabilizasen os milleiros de ourensáns que tiveron que abandonar a provincia en busca dun futuro laboral na emigración”.