Formou a 23 desempregados en xardinería, carpintaría e urbanización.

Clausurado o obradoiro «Ribeira Termal»

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, o alcalde, Jesús Vázquezs, e o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, participaron en Ourense na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego ‘Ribeira Termal’ no que un total de 23 alumnos e alumnas recibiron formación e obtiveron un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado nas especialidades de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, Acabados ríxidos e urbanización e Carpintería de moble.

Conde destacou que a través deste programa, que se desenvolveu en coordinación co Concello de Ourense, os seus beneficiarios ampliaron as súas oportunidades laborais en ocupacións emerxentes e estratéxicas. Deste xeito, a partir de agora os alumnos e alumnas poden acceder aos postos de traballo de peón de viveiro e agrícola en xeral, pavimentador de formigón e montador de produtos de madeira e mobles. Ademais da formación, os beneficiarios deste taller accederon a un emprego no que realizaron tarefas de acondicionamento e mellora da marxe dereita do río Miño.

O titular de Economía salientou, así mesmo, que a Xunta está a traballar para adaptar as cualificacións dos demandantes de emprego aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego. Así, indicou que a formación, capacitación e especialización de toda a vida laboral dos traballadores e traballadoras é un dos eixos principais da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación do Goberno galego en materia laboral, ao que destina 72 millóns de euros contendo varias medidas neste ámbito.

O titular de Economía sinalou, ademais, a importancia da colaboración institucional para a posta en marcha destes programas mixtos de formación e emprego, resaltando que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos seus veciños”.

Por todas estas vantaxes, indicou que a Xunta segue a apoiar os obradoiros aos que destina este ano 14 millóns de euros.