Tecnópole lanza “Atrévete coas matemáticas!” en varias fases que se desenvolverán ata o mes de novembro.

A Tecnópole adianta de novo este ano o comezo da celebración da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, co lanzamento dun desafío matemático que se desenvolverá en varias etapas ata o mes de novembro. “Atrévete coas matemáticas!” está aberto a escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia e constará de varias fases eliminatorias con probas a distancia, que culminarán nunha final presencial durante a Galiciencia, en Ourense.

Desde agora e ata o 22 de abril, os participantes deberán realizar unha fotografía ou un vídeo sobre un número ou unha secuencia matemática famosa. Os que superen esta fase terán de prazo ata o 13 de maio para enviar a gravación en vídeo dun flexágono –obxecto plano con forma de polígono creado mediante o pregue dunha peza de papel que, debidamente dobrada, permite mostrar máis caras ao manipulala– construído por eles mesmos. Quen demostre máis habilidade nesta proba poderá enviar ata o 3 de xuño o resultado do último reto a distancia: a creación dun anamorfismo, a distorsión dunha imaxe utilizando métodos matemáticos e ópticos para crear no observador a ilusión dun efecto perspectiva.

Os ganadores dos sucesivos retos anteriores decidiranse a votación dos centros escolares galegos, que serán invitados a valorar as probas, e do público en xeral a través da web de Galiciencia (www.galiciencia.es).

Durante a última xornada de Galiciencia,  terá lugar a proba final, de carácter presencial, que enfrontará os cinco equipos mellor puntuados na fase anterior.

Esta iniciativa responde á vontade de Tecnópole de estender as actividades de divulgación científica ligadas a Galiciencia máis alá dos tres días que dura o evento central.