Ourense en Común celebra que sexa a sociedade civil organizada a que estea a promover na actualidade unha defensa dos valores de Benposta.

OUeC lamenta o “desprezo e inacción” do Concello sobre o futuro de Benposta

O proceso de poxa aberto pola Seguridade Social, como última fase dun procedemento administrativo de requirimento despois de fallar os procesos anteriores, supuña un fito importante e que podía ser histórico no conflitivo discorrer dos terreos de Benposta dende o ano 2003. Así é que abríase a porta por fin á posibilidade de superar a actual problemática de titularidade, pois esta administración está facultada por lei para embargar bens dos debedores e vendelos en pública poxa para cobrarse a débeda pendente e saldar o débito perseguido.

Así, dende Ourense en Común entendían que o Concello de Ourense tiña “unha oportunidade única de participar na poxa dos terreos de Benposta e protexer o legado que supón o proxecto educativo e circense”, polo que solicitaron no pleno de marzo que o técnicos municipais fixeran un informe xurídico e de tesourería para analizar as oportunidades e ameazas. “Un acordo que compartimos con PSdeG-PSOE e Democracia Ourensana pero que o Partido Popular votou en contra”, lembran.

“O concelleiro de urbanismo do Partido Popular chegou a preguntar de que clase de patrimonio eran os terreos de Benposta: edificatorio ou cultural.  Unha afirmación que deixa as claras cal é a política urbanística municipal e como os intereses do actual equipo de goberno non pasaban pola preservación do espazo”, sinalan dende OUeC.

Esta semana un grupo de persoas a título individual están a organizarse para recadar fondos mediante “crowfunding”. Asemade este mesmo colectivo presentou un escrito instando á nulidade do proceso de poxa, que mantén actualmente a oferta de Transportes Alfer por 412.000€ como único demandante.

“É vergoñento que unha administración pública sexa incapaz de recoñecer e protexer os valores dun proxecto como o de Benposta. Se ao fin a cidadanía organizada, á que dende Ourense en Común daremos todo o apoio e soporte posible, non é quen de bloquear a poxa e protexer o espazo toda a responsabilidade da desaparición do proxecto de Benposta caerá sobre Jesús Vázquez como alcalde de Ourense e de todos e cada un dos seus concelleiros, conclúen.