A Asociación Cultural A Galleira convoca o I Certame de ilustración Manuel María. Nel poderá participar calquera persoa a partir dos 16 anos de idade con ilustracións orixinais realizadas desde calquera soporte sempre que as devanditas sexan inéditas e non premiadas noutros certames. Estas imaxes deberán estar inspiradas nalgún poema de Manuel María, o autor homenaxeado nas Letras Galegas do ano 2016.

Participarán todas as fotografías ou ilustracións recibidas até o 6 de maio de 2016.  As ilustracións presentaranse presencialmente no local da Asociación Cultural A Galleira, sito na Praza de San Cosme nº 1,  xunto co poema ao que fan alusión impreso. A estes engadiráselle un sobre pechado que conteña os seguintes datos: nome e apelidos, lugar de residencia, documento de identidade, teléfono e correo electrónico de contacto. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas ilustracións.

Xurado e votacións

As imaxes e os correspondentes poemes presentados serán expostos na Asociación Cultural A Galleira ao longo dos meses de abril e maio. Os asistentes á exposición poderán votar un máximo de tres ilustracións das presentadas, e deses votos se sacará a gañadora do certame. En caso de empate entre dúas ilustracións a decisión final corresponderá ás organizadoras do certame, actuando como xurado unicamente en caso de empate. A entrega de premios realizarase após o período de exposición e votacions coincidindo coa semana das Letras Galegas e o veredicto será comunicado á persoa gañadora persoalmente así como publicado nas redes sociais da Asociación Cultural A Galleira.

O premio para a gañadora do certame consistirá nunha cesta de produtos locais que será entregada nun evento de entrega de premios a celebrar no local da asociación.