Sería a primeira pista de atletismo hidráulica de Galicia e a terceira de España.

Paso ao fronte para que Ourense teña unha pista de atletismo cuberta

Paso ao fronte para que Ourense teña unha pista de atletismo cuberta. O Padroado da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, vén de aprobar a firma dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral para o Deporte, para a construción no recinto feiral da primeira pista de atletismo hidráulica cuberta de Galicia.

Á sesión do órgano de goberno fundacional, presidida polo titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu tamén o responsable do departamento de Deportes de Xunta, José Ramón Lete, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os alcaldes de Ourense e San Cibrao das Viñas, Jesús Vázquez e Pedro Fernández Moreiras, respectivamente.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que esta colaboración entre institucións supón “unha oportunidade histórica para converter o recinto feiral de Expourense no referente do noroeste español na organización de eventos deportivos”, ademais de favorecer a súa internacionalización. O acordo aprobado no Padroado levarase ao Consello da Xunta este xoves para contar co seu visto bo.

Pola súa banda, Lete Lasa salientou o feito de que Galicia vaia a albergar unha instalación destas características, das que só existen outras dúas en España. “Esta pista é necesaria para o atletismo galego. É un día moi importante para Ourense e o atletismo, e para Galicia e o deporte en xeral. Será a terceira pista hidráulica en España, un sistema innovador que permite compatibilizar os usos en Expourense”.