A Feira da Saúde instalarase na avenida de Pontevedra os días 12 e 13 de abril.

A celebración do Día Mundial da Saúde pon o foco na prevención da diabete

“Vence a diabete, mantente en superforma” é o lema escollido este ano polo Concello de Ourense para conmemorar o Día Mundial da Saúde. Preparou unha programación “completa, diversa e atractica para toda a sociedade”, en palabras do alcalde, que inclúe a celebración da Feira da Saúde, rexistros sanitarios gratuítos nas farmacias da cidade, paseos polos parques saudables, actividades divulgativas, charlas nos barrios e un interese especial pola saúde animal.

Durante a presentación deste programa de actos, a presidenta da Asociación Diabética Auria, María Paz Gómez, recordou que entre un 12 e un 14% da poboación mundial é diabética, estando sen diagnosticar a metade. O mundo encara nas próximas décadas unha pandemia que fará desta enfermidade a sétima causa de mortalidade en 15 anos. Un dato para o optimismo: no caso da diabete de tipo 2, pódese previr. “Con un control anual mediante una analítica, con una buena alimentación y con un ejercicio normalizado”, apuntaba Gómez.

A Asociación Diabética Auria será un dos 29 colectivos que estarán presentes na Feira da Saúde, o martes 12 e mércores 13 de abril, na avenida de Pontevedra. As asociacións do ámbito da saúde facilitarán información sobre as respectivas enfermedades, realizaranse rexistros sanitarios, e haberá charlas e outro tipo de actividades durante as dúas xornadas.

O Concello de Ourense tamén organiza un paseo solidario desde Salesianos, con parada nos parques saudables da cidade, ao que os asistentes poderán ir acompañados coas súas mascotas.

Os centros cívicos acollerán charlas de diferentes temáticas (este sábado ás 10 e 11 h no centro cívico Colón sobre drogodependencias e diabetes e celiaquía, e ás 11 h na Sala Valente sobre alimentación saudablede cans e gatos).

Ademais, nos parques saudables do Barbaña, A Cuña, Polvorín e Paseo das Ninfas realizaranse obradoiros.