O recinto acolleu o ano pasado dez feiras e máis de 25 eventos que atraeron a máis de 116.000 visitas e a 906 expositores de 47 países.

A cooperación público-privada, transfronteiriza e iberoamericana marcaron a actividade de Expourense no 2015

A cooperación público-privada como ferramenta principal para xerar actividade que abra novas oportunidades de negocio ás empresas galegas e para visibilizar o traballo de autónomos e emprendedores. Estas son as premisas baixo as que desenvolveu a súa actividade en 2015 a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, que se consolida como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía ou a viticultura. Por todo o anterior, as feiras e eventos promovidos por Expourense exerceron de axente dinamizador da actividade económica galega conseguindo ademais a involucración dos empresarios e fomentando o asociacionismo.

A internacionalización foi outro dos fitos que marcou a actividade de Expourense durante o pasado ano no que o recinto reforzou a súa rede de socios estratéxicos tanto en Portugal como en América Latina. Isto quedou patente na presenza de expositores e visitantes procedentes de 47 países.

Este resumo de actividades foi presentado este xoves en Expourense nun acto ao que asistiron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira, o director de Abanca en Ourense, Rubén Pedreira, o vicepresidente da CEO, José Manuel Díaz, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, que foi o encargado de presentar os resultados.

Resumo da actividade no 2015

O resumo de actividades organizadas pola Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, durante o 2015 indica que o recinto organizou o pasado ano un total de 10 feiras, boa parte delas de marcado carácter profesional e orientadas ao fomento do negocio e que incluíron a dúas das cinco feiras internacionais de turismo que se celebran en España (Xantar e Termatalia).

Todos os certames contaron coa presenza de 906 expositores, unha cifra que indica o grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense. A decena de feiras e os 26 eventos do calendario da Fundación atraeron a 116.00 visitas, a 906 expositores e a 505 relatores.

Expourense celebrou en 2015 dúas citas exclusivamente profesionais, Vinis Terrae, Salón do Viños e Licores Galegos de Calidade e Nortrans, Salón do Transporte e a Loxística, recoñecidas ambas as dúas como feiras internacionais a efectos aduaneiros.

Organizáronse ademais tres feiras de carácter mixto: Xantar, Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, o único destas características en España que se ten convertido nun produto turístico en si mesmo, ademais dunha plataforma para o sector primario galego a través da hostalería de calidade; Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, posicionado como marca do termalismo mundial que celebrou o seu 10º aniversario como feira internacional, e Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que celebrou o seu décimo aniversario promovendo a cultura preventiva entre empresas e traballadores.

Ademais dos certames profesionais xa mencionados, Expourense organizou en 2015 citas orientadas ao público xeral de carácter comercial que convocaron a diferentes sectores, servindo de plataforma especialmente para o comercio local e contando co apoio de asociacións empresariais como é o caso dos centros comerciais abertos. Estas citas foron: a 22ª edición da Mostra da Oportunidade; a 7ª do Salón do Automóbil (Novo e de Ocasión) organizada en colaboración A.C.A.U.T.O., a 16ª de Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais; e a 16ª edición de Megaxove, Salón da Xuventude.