Na actualidade hai constituídas 12 Xuntas Locais de Seguridade na provincia de Ourense.

Constitúese a Xunta Local de Seguridade da Pobra de Trives

O Concello da Pobra de Trives acolleu a reunión  de constitución da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde, Francisco José Fernández Blanco, e na que participaron membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Policía Local. Esta é a segunda localidade, despois de Viana de O Bolo, na que se instaurou esta ferramenta de coordinación a prol da seguridade e benestar dos veciños das comarcas da provincia nos derradeiros catro anos. Na actualidade hai constituídas 12 Xuntas Locais de Seguridade: Ourense, Barbadás, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Viana do Bolo, Celanova, Ribadavia, Allariz, Verín, Xinzo de Limia e O Carballiño e  A Pobra de Trives.

Previa constitución da mesma, desenvolveuse a primeira Xunta Local de Seguridade na que os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá. Na comparativa anual 2014 – 2015 detéctase un importante descenso tanto no cómputo de faltas como de delitos. Así mesmo tamén diminuíron as infraccións administrativas e o número de detencións.

O subdelegado do Goberno manifestou o seu agradecemento ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado “polo gran labor levado a cabo na comarca ata o de agora”, e amosou o se convencemento de que “coa coordinación entre todos corpos de seguridade a tarefa aínda será máis doada o que repercutirá nunha maior garantía dos dereitos e liberdades do veciños das Terras de Trives””.

Regulamento e finalidade

As Xuntas Locais de Seguridade son órganos colexiados para facilitar a cooperación e a coordinación, no ámbito territorial do municipio, das Administracións Públicas en materia de seguridade, asegurando de forma específica a cooperación e a coordinación operativa das Forzas e Corpos de Seguridade que interveñen no termo municipal.

As Xuntas Locais de Seguridade poderán constituírse naqueles municipios ou agrupacións de municipios que teñan Corpo de Policía propio. Nos municipios onde non exista Corpo de Policía Local poderá constituírse, de mutuo acordo entre a Administración Xeral do Estado e o respectivo Concello, unha Comisión Local de Seguridade, para analizar e avaliar a situación da seguridade cidadá no municipio e promover as actuacións que se consideren necesarias para previr a delincuencia e mellorar a seguridade e a convivencia.