Ademais, reclaman que por non consultar ás compañías suministradoras de luz, gas e telefonía romperon tubaxes na rúa Irmáns Moreno.

O PP de Verín denuncia que o Concello gaste máis de 60.000 euros na plantación de árbores

O portavoz do Partido Popular de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, amosou os gastos que levan efectuados, ata o momento, o Concello de Verín no referente a plantación de árbores na vila.

“Nós tamén plantamos árbores durante os anos que estivemos gobernando e non foi unha noticia extraordinaria. Fixémolo sen publicidade, grandes vallas publicitarias nin eslogans rimbonbantes porque creíamos que era algo normal”, asegura Jiménez Morán.

“Non nos opomos a que se planten árbores, pero cremos que non se está a contar a verdade aos veciños, xa que o custo económico é importantísimo”, indica. “En primeiro lugar, cremos que se trata dun tipo de árbore inadecuada porque é moi grande, é de folla caduca e a caída da folla ocasionará moitos problemas no inverno, non só de limpeza senón tamén resbalóns cando chova e atasco nos sumidoiros, e trátanse de árbores con grandes raíces que poden afectar ás distintas canalizacións subterráneas e levantar o pavimento”.

Ademais, “antes de plantar ás árbores realízase un levantamento topográfico, que xa supuxo ata o momento un custo de 6.663 euros”, recoñece, “pero non debe ser unha tarefa moi exhaustiva, xa que ao non avisar as compañías subministradoras de luz, gas e telefonía para que lle facilitasen plans do chan, romperon tubaxes incluso da rede de gas na rúa Irmáns Moreno”, denuncian.

Facenda retén fondos ao Concello

Ante a nova de que Facenda retén fondos ao Concello de Verín por non facilitar os datos do ano 2014, e varios requerimentos de 2015, o voceiro popular saiu ao paso, para defender a xestión realizada polo PP nese tempo. “Se había algo do que estabamos nós orgullosos, e non saíamos tanto en prensa como agora, era da xestión económica que se fixo no Concello durante o noso mandato”, indica Juan Jiménez. “Nos anos 2013 e 2014 non se pediu ningún crédito, págabase aos provedores nun prazo de 42 días, amortizamos parte da débeda cun montante superior a un 1.200.000 euros e cumpríanse os requirimentos do Ministerio de Facenda”, engade, “por tanto cáusame estupor e malestar esta noticia, xa que nos máis de 8.000 concellos españois reténselles fondos a 351, e entre eles o de Verín”, insiste Jiménez Morán.

Así mesmo, afirma que “cremos que non se está a facer un riguroso control orzamentario, facendo un excesivo gasto sen xustificación, que sen dúbida vainos levar a que teñamos máis problemas con Facenda e dubidamos que se cumprirán os parámetros que marca o Ministerio”, indica.

Pola súa banda, dende o Concello de Verín explican que os documentos debían ser presentados en marzo de 2015, pero que non foi así. De todos os xeitos, non buscan responsables, senón que deixan claro que «a liquidez e a capacidade de pago do Concello está asegurada para todo o ano; os pagos correspondentes a 2016 faranse no prazo de 30 días; e os pendentes de 2015, aproximadamente uns 300.000 euros, están pendentes dun expediente de modificación de crédito, porque ó haber dous goberno cada  un entendía este pago dunha maneira, pero os cartos están reservados para esas  facturas». E insisten en que «hai un retraso estructural, e non podemos en 8 meses telo todo arreglado. Este é só un problema burocrático e agardamos solucionalo en 15 ou 20 días».

Contra o IBI en solos urbanizables ou zonas de reparto

Jiménez Morán anunciou tamén que na próxima sesión plenaria municipal presentará unha moción para solicitar que non se cobre o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) aos propietarios de terreos que están en chans urbanizables ou zonas de reparto, como se foran terreos urbanos sendo rústicos.

“En Verín hai moitos propietarios que teñen terreos rústicos que se atopan en chan urbanizables ou en áreas de reparto futuras, e non é xusto que paguen o mesmo que os propietarios dun terreo que é urbano hoxe en día”, subliña o portavoz. “Xa que non é o mesmo que se pague por un solar onde xa se pode edificar só con presentar un proxecto, a ter un terreo nunha área onde os veciños deben realizar proxectos de equidistribución e urbanización, é dicir, urbanizar todo ese ámbito para poder construír”.

“En resumo, o planeamento aprobado no Concello de Verín, contempla múltiples ámbitos delimitados como chan urbanizable, que precisan dun plan parcial de desenvolvemento dos mesmos, polo que ata que estas actuacións non se leven a cabo, estes chans non poden tributar polo concepto de Imposto de Bens Inmobles Urbanos, senón que debe facelo como chan rústico”, o popular.