Prevé a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe.

A Xunta convida a nove concellos da comarca de Ourense a participar no Plan de Sendas de Galicia

A Xunta convida a nove concellos da comarca de Ourense a participar na elaboración da segunda fase do Plan de Sendas de Galicia trasladando as súas actuacións prioritarias. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda remitiu esta semana escritos aos concellos de Amoeiro, Barbadás, Coles, Ourense, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén, solicitando que remitan información á Xunta sobre os itinerarios que consideran que se deben executar ao abeiro deste plan autonómico.

O Plan de Sendas de Galicia é a folla de ruta coa que a Administración autonómica quere avanzar na seguridade viaria e a protección dos usuarios máis vulnerable das estradas, fomentando ao mesmo tempo unha mobilidade sustentable, de acordo cos obxectivos da Unión Europea de promoción da economía baixa en carbono.

Nese marco, a Xunta prevé a construción de 170 novos quilómetros de sendas peonís e ciclistas seguras, sustentables e integradas na paisaxe nas estradas de titularidade autonómica, para facilitar que os veciños das vilas realicen os percorridos cotiáns a equipamentos e servizos sen usar o coche pero en condicións seguras.

Contarase para iso co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Estas actuacións teñen beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; para as vilas, supoñendo menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio, buscando menos contaminación acústica e mellorando a calidade do aire, ao reducir a emisión de gases contaminantes.

O Goberno galego quere que a execución destas sendas responda ás necesidades reais dos cidadáns por iso solicita a través das cartas enviadas esta semana que os concellos trasladen as actuacións que consideran de maior interese ou necesidade.