Cursos de capacitación profesional, a novidade desta edición.

Previsel 2016 presenta máis de 40 actividades para promover as empresas saudables

“Promovendo empresas saudables”. Este será o lema da 11ª edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que terá lugar en Expourense entre os días 13 e 14 de abril. O seu obxectivo será fomentar a cultura preventiva entre os profesionais e a sociedade en xeral. Para iso, contará cun completo programa con máis de 40 actividades nas que tamén se inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados colectivos como o persoal sanitario, os mergulladores ou os traballadores dos balnearios, entre outros.

Esta cita foi presentada o luns á mañá en Expourense polo Vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Díaz Barreiro, que destacou a importancia das actividades do salón en prol das empresas saudables a raíz das últimas cifras de sinistralidade laboral en Galicia. Tamén estiveron presentes o director do Centro ISSGA de Ourense, Ángel López, o presidente da Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, José Antonio Bello Malavé, e a directora adxunta de Expourense, Emma González. Os catro destacaron que “Previsel está consolidado como o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención”.

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparán un salón dividido en dúas importantes áreas: exposición e xornadas técnicas. A primeira delas recolle unha mostra dos produtos e servizos dispoñibles no mercado. En total, esta cita contará con 41 expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e destacando a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e distintos servizos de seguridade e emerxencia.

Novidades

Unha das novidades desta edición será o programa de cursos de capacitación profesional que permitirá que traballadores de diferentes sectores poidan obter un certificado que acredite a súa formación. Previsel realizará actuacións para sensibilizar á sociedade en xeral da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos.

A Axencia Galega de Emerxencias impartirá unha conferencia vencellada ao emprego de drons no ámbito da seguridade e o control de riscos, mentres que dentro do programa de Xornadas Técnicas, terá lugar a mesa redonda sobre as Incapacidades Temporais nas que estarán representadas todas as partes implicadas nesta nova normativa: a Consellería de Sanidade, Inspección de Traballo, Patronal, Colexios Prefesionais e Sindicatos.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, ISSGA, continúa coa súa aposta pola formación en prevención de riscos entre os profesionais de sectores específicos organizando dous seminarios.

Ademais, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense e a Consellería de Medio Rural impartirán dúas charlas formativas sobre a manipulación e aplicación dos produtos fitosanitarios.

Xornadas

O interese mostrado por todas as entidades integradas no comité asesor de Previsel, dá como resultado que o salón poida presentar un completo programa de actividades que aborda a prevención dende unha perspectiva multidisciplinar. Ademais das xa mencionadas, destaca a charla coordinada pola CEO sobre “Empresas saudables: Mindfulness e Coaching” nas que se explicarán as claves para combater o estrés laboral, entre outros.

Dúas das actividades máis destacables, serán a ponencia sobre Primeiros auxilios en accidentes debuceo e o Obradoiro de equipos de osixenación normobárica neste tipo de accidentes que impartirá a Escola Soporte Vital. Por outro lado, a Consellería de Sanidade impartirá unha charla sobre a actuación ante riscos ambientais.

O sindicato CIG participará en Previsel cunha sesión que analizará a evolución e situación da normativa de Prevención Riscos Laborais. Pola súa parte, CCOO analizará o papel dos delegados e delegadas de prevención nas empresas.

Previsel tamén leva a cabo actuacións para sensibilizar á sociedade en xeral da necesidade de contar con formación en materia de autoprotección e actuación en situación de emerxencia. O xoves 14 de abril, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros, APTB, presentará o ciclo medio de Formación Profesional en Emerxencias e Protección Civil, así como tamén impartirán un seminario formativo baixo o título “Cualificación Profesional para Extinción de Incendios e Salvamento”.

O salón volverá contar cunha mostra sobre os distintos tipos de corpos que operan en Galicia e nesta ocasión estará centrada nos distintos departamentos de Protección Civil e Bombeiros.

Despois do éxito de participación da pasada edición, TESGALICIA, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, volve a organizar un completo programa de actividades paralelo a feira orientado aos profesionais da sanidade que se desenvolverán en catro días e que prevén mover a preto de 4.000 persoas.

O programa de zornadas técnicas de Previsel conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30.