A organización municipalista advirte do retraso e da necesidade de avanzar no documento namentres se superan os informes xurídicos da Relación de Postos de Traballo.

Ourense en Común solicitaao equipo de goberno no Concello de Ourense que posibilite xa un foro de debate para “poñerse a traballar xa xunto co resto de grupos da oposición na negociación duns orzamentos”.

“Vigo, Pontevedra, Compostela, Coruña… as grandes cidades do noso país xa contan con orzamentos e o goberno municipal de Ourense nin sequera ten un borrador. Podemos comprender a necesidade de adaptación da Relación de Postos de Traballo pero non podemos xustificar a demora e a falta de diálogo do goberno do Partido Popular», argumentan desde OUeC.

Ourense en Común, xunto co resto de grupos da corporación, ten preguntado en repetidas Xuntas de Área sobre o estado e previsión de contas pero o Goberno municipal insiste na necesidade de adiar calquera negociación ou avance á adecuación da RPT.

“Podemos ir avanzando na negociación, analizando as prioridades de gasto, futuras inversións e compromisos plenarios ou analizando as diferentes propostas dos grupos. Así por exemplo dende Ourense en Común queremos propoñer a posibilidade de reservar unha pequena partida para implementar un proxecto piloto de orzamentos participativos. O proceso de adecuación da RPT non pode condicionar toda a xestión que é algo máis que postos de traballo municipais”.