Consolidando unha liña de colaboración que se iniciou en 2011 co Hospital de Verín e posteriormente co CHUO e o Hospital de O Barco de Valdeorras.

Alumnado da Escola de Enfermería de Chaves poderá realizar prácticas nos centros de saúde ourensáns

A sinatura dun convenio de colaboración entre as Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense e a Escola Superior de Enfermería “Timoteo Montalvao Machado” de Chaves permitirá aos seus alumnos realizar prácticas en todos os centros hospitalarios e de Atención Primaria do Sergas en Ourense.

O convenio, asinado pola responsable da Xerencia, Eloína Núñez, e a presidenta do Consello de Dirección da Escola de Chaves, Cristina Moura, consolida a liña de colaboración establecida xa en 2011 entre este centro docente transfronteirizo e o Hospital de Verín, facilitando así a realización de prácticas tamén dos alumnos de 4º curso, que ata agora non podían acceder, completando así a súa formación practica e ampliando os itinerarios docentes a totalidade de unidades de enfermería. Asemade, e como novidade, neste ano 2016 os alumnos tamén poderán incorporarse para facer as súas prácticas a novos Centros de Saúde.

Case que 150 alumnos formados en Ourense
Estes convenios posibilitaron a formación de case 150 alumnos de Escola de Chaves desde o curso 2012/2013.  A nacionalidade dos alumnos da Escola “Timoteo Montalvao Machado” de Chaves que solicitan prácticas en Ourense é maioritariamente española, con residencia nalgúns dos concellos da provincia, moitos deles compatibilizando traballo e estudos, polo que a realización das prácticas nun centro próximo a súa residencia facilita en gran medida completar seu ciclo docente, pero cada vez mais, alumnos portugueses solicitan esta posibilidade, como vía para coñecer de primeira man o sistema sanitario público de ambos países.

O itinerario de prácticas tuteladas pasaba ata agora polas Unidades de Hospitalización, médica e cirúrxica, Área Materno-Infantil e Saúde Mental e, mediante este convenio, agora ampliarase aos centros de saúde de Verín e a súa área, Xinzo, O Carballiño e Ourense, e xa son unha realidade as prácticas no Hospital Comarcal de Valdeorras.

Ademais desta extensión en canto a centros e itinerarios docentes, a principal vantaxe do convenio é que da un marco legal pregrado para iniciar as prácticas dos alumnos de 4º curso, que é cando en Portugal están programadas as prácticas en Atención Primaria.