Esa achega é moi superior á que lle corresponde en función do peso relativo que ten sobre as afiliacións, segundo datos do Observatorio Económico Ourensán.

A comarca de Ourense xerou o 79,1% de todo o emprego neto da provincia

As presentacións comarcais do Observatorio Económico da Deputación pecharon ciclo cun acto que tivo lugar en Barbadás e que foi seguido por alcaldes, concelleiros, técnicos de emprego e axentes económicos e sociais. Unha das principais conclusións aportadas polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez,  é que este núcleo laboral, do que forman parte a capital e o cinto empresarial e industrial de Ourense, impulsou o 79,1% de todo o emprego neto que se creou no conxunto da provincia ao longo do último ano: “A cidade de Ourense o os once municipios cos que comparte unidade territorial están a xerar catro de cada cinco novos empregos, o que os converte no epicentro da recuperación laboral de Ourense”, remarcou na súa intervención.

“Esa achega é moi superior á que lle corresponde en función do peso relativo que ten sobre as afiliacións. Con preto de 50.000 afiliados, esta comarca sostén agora mesmo o 51% do emprego provincial, polo que o seu protagonismo na recuperación económica e laboral resulta moi salientable, xa que está preto de 30 puntos porcentuais por enriba do que lle correspondería desde o punto de vista estrutural”, explicou José Manuel Rodríguez.

En 2015, a comarca ourensá creou un 1,2% de emprego neto, con repuntes nos catro grandes sectores de actividade: 1,4% de subida nos servizos, 1,1% na industria, 0,8% na agricultura e 0,2% na construción. O Observatorio Económico enxalza dun xeito especial a tendencia do sector servizos: “De manter en 2016 o ritmo de crecemento actual, en decembro estaríamos falando dun teito histórico de 40.000 empregos nas diferentes actividades vinculadas aos servizos. Neste intre, con 39.400 afiliados xa estamos moi cerca do récord anterior, rexistrado en decembro de 2009 con 39.682 traballadores en alta laboral. Isto significa que na actualidade xa neutralizou toda a perda de emprego da crise, xa que no sector terciario os efectos da recesión económica non foron visibles ata xa entrado o ano 2010”, precisou o xerente do Inorde.

Nesta comarca, e desde o enfoque do traballo, os servizos teñen un peso relativo do 79%, cando a media galega apenas excede o 72%. Pero a boa saúde do sector terciario ten o seu contrapunto na construción, que non termina de canalizar a súa recuperación. Na comarca de Ourense pechou 2015 cun mínimo avance do 0,2% nas afiliacións. E os peores datos non están na última serie anual, si non na comparativa coa situación previa á crise. A construción sostén actualmente 3.190 postos de traballo, “o que significa que ao analizar este sector aínda vemos un muro moi elevado e demasiado compacto como para poder falar de melloría. A data de hoxe faría falta crear 2.300 empregos para que o motor da construción tivera as mesmas revolucións que antes da crise. E xerar 2.300 postos implicaría que o sector medrase nada menos que un 72%, o que semella imposible de ver para moitas e moitas xeracións de ourensáns”, vaticinou José Manuel Rodríguez.

Nove concellos creadores de emprego
O Observatorio da Deputación subliña que nove dos doce concellos da comarca foron creadores de emprego neto no último ano. E outro dato engadido é que seis deles fixérono a máis velocidade que a media de Galicia, situada no 2%. Foron os casos de San Cibrao das Viñas (4,1%) e Barbadás (4,4%), os dous municipios que están a rachar estatísticas nas afiliacións á Seguridade Social, aos que acompañaron A Peroxa (3,6%), Esgos (3,5%), Coles (2,7%) e Pereiro de Aguiar (2,5%). Tamén houbo incrementos en taxa interanual, pero máis moderados, en Ourense (0,8%), Toén (0,8%) e Vilamarín (0,3%). Mentres, os tres únicos concellos que non acreditaron
a condición de xeradores foron: Nogueira de Ramuín (-1,1%), Amoeiro (-3,4%) e Taboadela (-4,4%).

No acumulado desde o inicio da crise, o conxunto da comarca só precisaría un incremento do 9,4% nas afiliacións de traballadores para acadar a plena rexeneración laboral, é dicir, para regresar aos niveis previos á crise. Trátase da proporción máis baixa de toda a provincia e dun rexistro que mellora en 2,5 puntos a media galega, que aínda reflicte un 13% de baixada no número de traballadores afiliados en comparación con decembro de 2007.

O paro, á baixa
No capítulo do Observatorio adicado ao paro rexistrado, a comarca de Ourense logra protagonismo pola notable redución de parados no último ano (descenso interanual do 7,5%), por ter nove concellos en tendencia favorable e por contabilizar catro baixadas municipais a dobre díxito. Na súa intervención, o xerente do Inorde sinalou que “a nivel municipal, os artífices da caída do paro son practicamente os mesmos que os da creación de emprego neto. En ambos casos estamos a falar de nove dos doce concellos da comarca, con repetición de nomes salvo polos papeis cruzados entre A Peroxa e Taboadela. O primeiro creou emprego neto pero incrementou o paro, e o segundo fixo xustamente o contrario”. En oito municipios, a taxa interanual diminuíu a un ritmo superior ao 5%. E catro destes concellos mesmo asinaron baixadas superiores ao 10%. Foron Esgos(-16,4%), Coles (-12,6%), Pereiro de Aguiar (-11,4%) e Vilamarín (-10,8%). No municipio de Ourense o descenso quedou no 7,6%, a ton coa media da comarca e tamén da provincia (-7%).

En taxa acumulada desde o inicio da crise, o paro comarcal aínda reflicte un incremento do 38,9%, se ben equivale a case oito puntos porcentuais menos que a media galega (46,7%).