Estas axudas veñen a substituír as coñecidas como indemnizacións compensatorias.

A Xunta reserva para axudas ao pastoreo e á gandaría extensiva 20 millóns de euros

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou este venres en Entrimo unha explotación bovina de raza cachena, para coñecer de primeira man os problemas das granxas ubicadas na alta montaña. Alí, a conselleira destacou que, para favorecer o pastoreo e a gandaría extensiva en zonas con limitacións naturais, a Xunta destina un total de 20 millóns de euros.

Estas achegas, sinalou, están enmarcadas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia e veñen a substituír as coñecidas como indemnizacións compensatorias. A novidade principal deste ano, salientou a titular de Medio Rural, é que non hai carga gandeira máxima que as condicione, o cal permitirá acceder a elas a moitas explotacións que antes non podían, por ter unha carga gandeira superior a 2 UGM/ha, especialmente do sector lácteo.

Ángeles Vázquez destacou que estas axudas teñen un destacado importe por hectárea, xa que con elas se pretende indemnizar aos agricultores e gandeiros que viven en determinadas zonas desfavorecidas para compensar os factores naturais que inciden negativamente no rendemento das súas explotacións. Este ano a contía total incrementouse nun 80%, pasando dos 11,1 millóns de euros dos últimos anos aos 20 desta convocatoria.

Esta aposta pola gandaría extensiva en zonas de alta montaña é un exemplo de que o Goberno galego está ao carón do sector agrogandeiro, porque segue a ser unha fonte de riqueza e emprego clave na nosa economía, ademais de ser un claro reflexo da nosa cultura e historia. Neste senso, Ángeles Vázquez felicitou aos gandeiros e agricultores que seguen adiante con estas explotacións, como é o caso da explotación hoxe visitada e que, precisamente, foi beneficiaria destas axudas.

Explotación de raza cachena

A conselleira, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, coñeceron as instalacións da explotación de María Hortensia Alonso Alonso. Esta granxa bovina conta con 72 animais de máis de 24 meses, 19 de 6 a 24 meses e 24 animais de menos de 6 meses.

Precisamente para o fomento das razas autóctonas galegas, a Consellería do Medio Rural destinou para este ano 2016 axudas por un total de 167.000. O obxectivo é conservar estas razas, posto que son unha ferramenta útil para a fixación da poboación no medio rural, incrementando a calidade, a competitividade e o valor engadido dos nosos produtos.