O presidente do goberno provincial visitou en San Xoán de Río a “Casa das Rodas”, berce do futuro “Museo da Roda de Afiar” que a Deputación porá en marcha en 2017.

Manuel Baltar: “Florencio de Arboiro mantén viva a identidade ourensá”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou este venres a “Casa das Rodas”, en Arboiro, San Xoán de Río, onde o escultor Florencio de Arboiro ten recollidas singulares pezas da etnografía e dos oficios populares de Galicia, e sinaladamente a colección máis importante sobre rodas de afiar. No seu percorrido, Baltar estivo acompañado, ademais de Florencio de Arboiro, polo historiador Jesús de Juana.

O presidente do goberno provincial destacou trala visita que Florencio de Arboiro “mantén viva a identidade ourensá” e confirmou que a Casa das Rodas “será o berce do futuro “Museo da Roda de Afiar” que a Deputación porá en marcha en 2017, tal e como figura no Plan Ourense 15-19”.

Sobre a tradición e a importancia que os afiadores tiveron na nosa provincia, Manuel Baltar remarcou que eles “eran auténticos emprendedores, xuntando a creatividade, o traballo e o carácter emigrante que definen a alma dos ourensáns e da nosa terra”, e referíndose a Florencio de Arboiro afirmou que é un “ourensán universal”, “comprometido co noso patrimonio material e inmaterial, nesta «terra da chispa» que debe este alcume aos afiadores, auténticos embaixadores de Ourense”.

Pola súa banda, Jesús de Juana puxo en valor tamén “o traballo de investigación e recuperación de toda esta achega etnográfica e histórica por parte de Florencio de Arboiro ao longo da súa vida”.