As persoas interesadas poden presentar as súas propostas a través do Rexistro Xeral do Concello ata o 30 de abril.

O Concello de Ourense convida a creativos e deseñadores a participar no proceso de selección de provedores para o deseño do cartel da 21ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O contrato está valorado en 1.200 euros máis IVE, unha dotación económica coa que o Concello pretende estimular a concurrencia de propostas para anunciar esta gran cita anual da cidade co mellor cine internacional. O Concello mantén así a súa aposta polos procesos abertos e participativos xa aplicada este ano para elixir os carteis do Entroido e dos Maios.

A creatividade deberá incluir os logos do Concello de Ourense e OUFF, así como as datas de celebración (do 28 de outubro ao 5 de novembro de 2016). As persoas interesadas poden presentar as súas propostas a través do Rexistro Xeral do Concello até o sábado 30 do mesmo mes.

As bases do festival pódense consultar en www.ouff.org e www.ourensecultura.com.

O OUFF xa ten aberto, ata o día 18 de agosto o prazo de presentación de películas, para esta edición número 21, que presenta novidades nas categorías de competición. O certame terá este ano catro premios: Calpurnia á mellor película iberoamericana, Calpurnia á mellor película da competición Ópera Prima, Premio Carlos Velo á mellor dirección da competición iberoamericana; Premio do Público á mellor película das dúas competicións, e dous premios á mellor interpretación masculina e feminina, sen dotación económica.